O Concello de Xove presentou este luns un novidoso proxecto contra a violencia de xénero, baixo o nome de ‘Protocolo de Igualdade‘. Trátase dun plan contra o machismo que utilizará Instagram como canle de difusión.
A través da rede social, os usuarios poderán acceder de xeito instantáneo a información útil, que lles permitirá recoñecer, previr e actuar ante condutas de violencia de xénero, así como fomentar valores de igualdade.
CONTIDO ESCANEABLE
As persoas interesadas poderán escanear en vinilos colocados en diversos puntos do municipio -o consistorio, a piscina, a Oficina de Información Xuvenil, o pavillón ou a biblioteca- a tarxeta de identificación do protocolo.
O proxecto, cofinanciado polo executivo municipal e o Ministerio de Presidencia, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, está pensado para a poboación adolescente, que utiliza principalmente esta rede social, pero ten capacidade para chegar a poboación adulta e mesmo infantil.
“DIDÁCTICO E SINXELO”
“Trátase dunha ferramenta didáctica e sinxela, con mensaxes que impactan”, expón a edil de servizos sociais, Ana Abad.
“O amor non doe; quen te quere non te manca” ou “se digo non é non” son algúns dos lemas que lembra a campaña, que ofrece asesoramento básico sobre como actuar no caso de paceder abusos ou agresións sexuais, e tamén sobre como comportarse de percibir condutas violentas.
REPERCUSIÓN SUPRAMUNICIPAL
O proxecto, explica Abad, “é ambicioso e pioneiro” e aspira a ter “unha repercusión máis alá do ámbito municipal“.
OS RAPACES, TAMÉN VÍTIMAS
Unha das novidades do protocolo impulsado polo goberno local de Xove é que tamén pocon o foco nos rapaces e nos homes. “Queremos que rexeiten o machismo como estilo de vida“, indica a concelleira.
Fabián Ben, da empresa EMarela, precisa que a campaña incide en que “moitas veces os homes son tamén vítimas e prisioneiros do machismo, pois aféctalles igualmente. Todos sabemos que a sociedade machista impón unha serie de roles, aquelo que chamamos ‘cousas de homes’, cos que non hai por que estar de acordo”, indica.
CONTRA O PORNO COMO ESCOLA EDUCATIVA
Dado que cada vez máis a pornografía se converte na primeira aprendizaxe e se apropia da educación sexual, o protocolo recorda que as películas son ficción. “Insistimos en que non se repliquen roles tóxicos, violencias. Por moitos filmes de acción que vexamos non nos tiramos do coche en marcha”, exemplifica Ben.
OUTRAS VIOLENCIAS
A campaña tamén aborda outros tipos de violencias, como o bullying -o maltrato físico ou psicolóxico que un neno recibe doutros- ou o ciberacoso, o sexting -o envío de contidos eróticos por medio do móbil– ou o grooming, a estratexia dun adulto que falsifica a súa identidade para gañarse a confianza dun menor e extorsionalo.
Abad, Ben e a concelleira de deportes, Cristina Iglesias, presentaron o proxecto na Omix de Xove coa presenza de varios rapaces que puideron comprobar como funciona o protocolo.