O Concello de Viveiro conmemorará o vindeiro venres, 28 de xuño, o Día Internacional do Orgullo LGTB coa celebración dun acto que terá lugar ás 17.00 horas na Praza da Habana Vella.
Despois de que o Concello de Viveiro se sumase á iniciativa desenvolta noutros municipios pintando dous bancos dese parque coa bandeira do colectivo Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (LGTB) e outros dous coa bandeira Trans, o próximo venres colocarase unha placa conmemorativa nun dos bancos pintados coa bandeira transxénero, facendo constar o logo de Chrysallis, a Asociación de Familias de Menores Transexuais, que terá representantes no acto.
Con esta iniciativa, explica o goberno municipal viveirense, quérese dar visibilidade a estes colectivos, concienciando en favor da igualdade e diversidade sexual, conscientes da necesidade de impulsar accións que sirvan para concienciar á sociedade sobre a discriminación pola condición sexual e fomentar a igualdade real destes colectivos.
“Os nenos son o futuro e cremos que o recoñecemento da diversidade sexual é unha cuestión educacional, de aí que poñamos esta placa nun parque infantil”, explica a alcaldesa, a socialista María Loureiro.
FESTIVAL DA DIVERSIDADE SEXUAL
A concellería de cultura traballa na celebración, o vindeiro mes de setembro, dun festival da diversidade sexual, unha cita que pretende ter un carácter familiar e educativo.