O Naseiro non contará este ano co descenso humorístico do Landro. A comisión aceptou a esixencia do Goberno galego de non organizar a tradicional baixada do río nun encontro que tivo lugar este luns na delegación territorial da Xunta de Galicia, despois da polémica que rexurdiu nos últimos días arredor da celebración.
Este condicionante, argumenta o Executivo autonómico, vén motivado pola aplicación da normativa europea vixente ao tratarse dun espazo natural que forma parte da Rede Natura 2000.
TENDAS DE CAMPAÑA
No encontro, o colectivo organizador aceptou tamén trasladar aos romeiros a prohibición de non pernoctar nunha franxa de cen metros na contorna do río.
A restrición afecta só á acampada para durmir, non ás comidas e xuntanzas que se fan nese espazo, que se deberán manter a cinco metros do cauce.
A delegación territorial explica que se trata dunha zona de protección que se establece para evitar riscos en caso de enchentes. A zona, considerada de fluxo preferente, podería acumular auga en caso de desbordamentos.
A Administración autonómica expón que tamén acordou coa comisión reforzar os sistemas de información e advertencia sobre as actividades prohibidas e permitidas na zona e o seguimento das condicións climatolóxicas para garantir a seguridade.
A acampada realizarase así na marxe esquerda da estrada, desde o aparcadoiro de autobuses en diante. Con todo, un terreo duns 50 metros está considerado como obxecto de posible inundación, polo que a agrupación organizadora está pendente de contar co informe necesario -sexa dependente do Concello ou de Augas de Galicia– para poder dispoñer a acampada.
ARREDOR DE 700 PERSOAS DESPRAZADAS
“É necesario ese espazo porque as 50 ou 60 mesas que perdemos na marxe dereita hainas que meter nalgún lado. De quedar iso zanxado estaría o problema solucionado para este ano”, expón Adrián Casas, o presidente da comisión, que calcula que se verán desprazadas dos seus sitios habituais “unhas 600 ou 700 persoas”.
O presidente do colectivo agarda que a xente sexa comprensiva coa comisión, dado que “dinnos que de non cumprir arriscámonos a sancións”.
AS MESAS, A CINCO METROS
A restrición afecta só á acampada para durmir, non ás comidas e xuntanzas que se fan nese espazo, que se deberán manter a cinco metros do cauce.
Tras esixir unha distancia de 15 metros desde as mesas ao río, unha reclamación que suscitou as críticas da comisión, do Concello e da oposición de Viveiro finalmente a Xunta deu marcha atrás na súa pretensión, unha rectificación que desbloquea a festa.
O reparto das parcelas, segundo expón Casas, realizarase en canto a comisión saiba de cando terreo dispón. “Faremos un plano das zonas autorizadas e a partir de aí farase o proceso”, indica.
MULTA DE 6.000 EUROS
A comisión ten pendente o pagamento dunha sanción de 6.010 euros imposta pola celebración do descenso humorístico o ano pasado.
Segundo Medio Ambiente, a baixada afecta a unha zona “propicia para a cría de salmón” e na que se documentou presenza de “mexilón de río en partes do percorrido”. Casas confirmou que a comisión alegará a sanción, que considera “un abuso”.
ESTE MARTES, XUNTANZA DE VOCEIROS
O Concello de Viveiro convocou para este martes, ás 14.00 horas, unha reunión dos voceiros das forzas políticas da corporación –PSdeG-PSOE, PP, Por Viveiro, BNG e Son Viveiro– coa comisión de festas.