O Concello pide á Xunta que explique por que prohibe o descenso humorístico do Landro

A festa segue parada á espera de saber se se poderá acampar nun territorio de 50 metros á marxe dereita da estrada, considerado como zona inundable

Romería do Naseiro. AXM

O Concello de Viveiro solicitará á Xunta de Galicia un informe que especifique as razóns para prohibir o descenso humorístico do Landro, que se realiza desde hai décadas no marco da romería do Naseiro.

A polémica continúa a rodear a festa, despois de coñecerse que a comisión aceptou, nunha reunión mantida o pasado luns, as esixencias de Augas de Galicia no tocante tanto á prohibición do descenso como á distancia, de alomenos cen metros, das tendas de campaña ao río.

O Goberno galego, pola súa banda, rebaixou a cambio a súa pretensión de afastar as mesas e casetas a quince metros do cauce. Así, as familias e grupos de amigos poderán comer a unha distancia mínima de cinco metros do río, o que desbloqueou, alomenos por agora, a celebración da romería.

O executivo municipal quere coñecer os motivos polos que non se vai facer o descenso. “Sabemos que está permitido o uso do río en competicións deportivas e queremos saber por que se prohibe”, indica a alcaldesa, a socialista María Loureiro.

XUNTA DE VOCEIROS

Este martes, os voceiros das forzas políticas da corporación viveirense reunironse coa comisión de festas, que lles explicou a situación.

Días atrás, Por Viveiro emitiu un comunicado no que criticou a postura da Xunta. “As medidas de separación entre a festa e o río fan inviable a realización da festa nun recinto no que se gastaron miles de euros públicos en acondicionamento para a celebración da romería. Instamos a non acatar as estrictas medidas de protección de Augas de Galicia”, sinalou a formación independente.

A rexedora aspira a atopar “un punto de entendemento” coa Xunta e “non saltarse as normas”, dado que poderían supoñer multas tanto para o Concello como para os participantes no descenso ou os integrantes da comisión.

ACAMPADA EN ZONA INUNDABLE

Polo de agora, a festa segue parada á espera de saber que acontecerá co territorio de 50 metros á marxe dereita da estrada, considerado como zona inundable. A organización precisa ubicar tendas de campaña nese espazo, para atopar acomodo a unhas 600 ou 700 persoas que necesitarían doutro lugar de pernocta.

A necesidade dun informe de Augas de Galicia para habilitar a acampada neste lugar podería botar por terra os plans da comisión. “Non temos aínda claro se será necesario, é un tema que leva o Concello. Se é así, probablemente será desfavorable, así que sería moi complicado facer a festa”, indica Adrián Casas, presidente da comisión de festas.

MULTA

A comisión ten ata o vindeiro luns para alegar a multa imposta pola Consellería de Medio Ambiente, que supera os 6.000 euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here