Profesionais e veciños denunciaron este mércores que o centro de saúde de Viveiro contou na quenda de mañá con tres médicos menos, dado que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non cubriu as ausencias programadas de dous profesionais por vacacións e a falta doutro galeno que tivo que cubrir unha baixa no Vicedo.
Os denunciantes critican que é “o segundo día” que faltan tres profesionais no ambulatorio viveirense, coñecéndose as dúas ausencias por vacacións “desde o pasado mes de abril“.
Así, argumentan que a situación “é de caos” nun momento no que o municipio, cun importante atractivo turístico, multiplica a súa poboación pola chegada de asistentes ao Resurrection Fest.
MÉDICOS E VECIÑOS CRITICAN QUE NON SE SUPLA A FALTA DE TRES GALENOS, UN DELES POR ENFERMIDADE E OUTROS DOUS “POR VACACIÓNS PEDIDAS NO MES DE ABRIL”
O MÉDICO DE BAIXA, CUBERTO “ESTE XOVES”
Desde o Sergas aseguran que se trata “dunha situación puntual” e que o médico de baixa no Vicedo será substituído “este xoves”.
As mesmas fontes admiten que os profesionais de vacacións non serán substituídos por outros profesionais, co que a situación de dous médicos menos na quenda de mañá prolongarase ata o vindeiro venres.
“Neste tipo de casos prolóngase a xornada, xa que non hai médicos suficientes nas listas de contratación”, indica o Sergas.
A Xunta de Galicia engade que no Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro hai arestora “tres equipos completos de medicina-enfermería” cando “normalmente hai dous”, polo que a “atención urxente está reforzada”.
HOSPITAL DA MARIÑA
O pasado mércores, a CIG denunciou que na tarde do pasado luns a unidade de hospitalización de cirurxía do Hospital Público da Mariña quedou cunha soa auxiliar de enfermería para atender a 18 pacientes, dous deles en situación de illamento.
Esa situación, advirten desde o sindicato nacionalista, “provocou este martes incidentes asistenciais e protestas dos familiares“, o que xerou “máis presión sobre os profesionais para que fagan máis con menos”.
A CIG ANUNCIA QUE O PASADO LUNS UNHA ENFERMEIRA E UNHA AUXILIAR TIVERON QUE ATENDER 19 PACIENTES INGRESADOS EN CIRURXÍA
Na quenda de noite, expón a central, unha enfermeira e unha auxiliar de enfermería víronse “obrigadas a atender aos 19 pacientes ingresados en planta, algúns deles illados, polimedicados e pluripatolóxicos”.
A CIG esixe á Dirección de Enfermería que “cumpra cos compromisos acadados e que reforce o persoal cando o número de pacientes sexa maior de 15”.