Iniciosociedade(AMPLIACIÓN) A Feira do Bonito de Burela xa é de Interese Turístico...

(AMPLIACIÓN) A Feira do Bonito de Burela xa é de Interese Turístico Nacional

O alcalde, Alfredo Llano, resalta "o traballo que houbo detrás" do título honorífico, que a vila "merece" pola súa cultura pesqueira

Publicada o

- Advertisement -

A Feira do Bonito de Burela vén de ser declarada como Festa de Interese Turístico Nacional. Así o confirmou na mañá deste xoves o alcalde en funcións, Alfredo Llano.

O rexedor explicou que recibiu unha notificación da Secretaría de Estado de Turismo. O Goberno central indica que, tralo estudo da documentación presentada na solicitude, decidiu aprobar a declaración para a festa, que organiza a asociación cultural e recreativa Ledicia.

No pasado mes de maio, a Xunta de Galicia enviou o informe favorable para declaración ao Executivo central, que aproba agora a distinción.

“GRAN NOVA” PARA “POÑER A VILA NO MAPA”

Llano afirma que se trata dunha “gran nova“, xa que “houbo moito traballo detrás” e que a vila de Burela “merece este título honorífico, derivado da importancia que ten para nós a pesca do túnido, e o que representou sempre para a sociedade, a economía e a cultura pesqueira do noso municipio”.

O rexedor espera que a distinción “abra unha nova etapa” e “axude a poñer a Burela no mapa“, ao “facilitar que se nos coñeza e se nos visite”.

REQUISITOS

O edil de cultura en funcións, José Díaz, mostrouse “emocionado” e “orgulloso” despois de “máis de tres anos de traballo” para conseguir a distinción, “con todas as cousas que se piden” para outorgala.

O concelleiro resaltou o esforzo do goberno local por apoiar á asociación organizadora “con actividades paralelas, coa busca de pregoeiros que tiveran peso a nivel nacional, e coa realización de 21 entrevistas a nivel estatal que non fosen publicitarias senón de interese social”.

TERCEIRA FESTA DA PROVINCIA EN ACADALO

Díaz lembrou que só Arde Lucus e San Froilán contan na provincia de Lugo con este recoñecemento.

APARICIÓN EN GUÍAS INTERNACIONAIS

O edil remarcou, entre as consecuencias que terá a distinción, a promoción que ofrecerá. A feira aparecerá “en guías turísticas internacionais. Persoas de calquera país de Europa que nos visiten poderá saber da Feira do Bonito de Burela”, subliñou.

“BURELA ESCRÍBESE CON B DE BONITO”

A asociación cultural Ledicia impulsa a festa gastronómica desde as súas orixes, a mediados dos anos oitenta. O que comezou “como unha merenda de amigos asociada a unha xornada cultural de teatro“, segundo explica a presidenta da agrupación, Rocío Rivera Seara, acabou por cobrar peso e representar dalgún xeito a identidade de Burela.

“Burela escríbese con B de bonito”, salienta Rivera, que cre que a distinción será importante “para que nos coñezan e tamén para lembrar de onde vimos, pois esta vila naceu do mar“.

Malia que a maioría da poboación do municipio traballa xa noutros sectores e a frota burelá do bonito mingua, a relación entre o crecemento entre a vila de Burela e a industria da pesca do túnido é indiscutible. “Moitísima xente viviu deste peixe”, expón a presidenta do colectivo.

Rivera Seara felicita ao edil de cultura “pola súa loita por esta distinción”, que suporá “máis información” para quenes non coñezan a feira, que ten esta intención última, a de mostrar. “A Feira do Bonito quere ensinar como se pesca este peixe, a calidade que ten e que se pode facer con el na cociña, máis alá de consumilo en conserva”, precisa.

A TRIXÉSIMO QUINTA EDICIÓN, O 3 DE AGOSTO

A degustación gastronómica, que cumprirá 35 anos o 3 de agosto, require do esforzo desinteresado de “arredor de 150 persoas, que traballan en unidade e a gusto durante semanas para ofrecerlle á xente de fóra un pouco do que somos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...