O Concello de Burela, en colaboración con Absa, repetirá este verán as Rutas da Lonxa iniciadas no pasado ano. Os percorridos comezarán o vindeiro luns e prolongaranse ata o 31 de agosto.
O xerente de Absa, Miguel Neira, e o concelleiro de turismo en funcións, Ramiro Fernández Rey, presentaron o programa no porto de Burela.
As visitas serán os luns, en horario de 18.30 a 19.30; os martes, mércores e xoves ás 19.30 e 20.30 horas; e os venres ás 19.00 e ás 20.00 horas. As inscricións deben facerse na oficina de turismo, e no caso dos luns deberán realizarse con antelación. O tope por grupo será de 30 participantes.
Fernández Rey subliña que estas visitas son “unha maneira de poñer en valor o traballo dos mariñeiros e tamén o valor do peixe”.
No pasado verán, salienta, as rutas “fixéronse por primeira vez. Foron un auténtico éxito e esperemos que este ano tamén”, expuxo o edil, que precisou que participou un total de 1.200 persoas na edición inaugural.
DOCUMENTO DE RESPONSABILIDADE
Fernández Rey lembra que os participantes terán que aceptar por escrito un documento de responsabilidade de respectar “unhas normas mínimas para poder entrar na lonxa, que é unha zona de traballo. Iso ten uns altos riscos que hai que intentar controlar”, argumentou.
A SUBASTA, ATRACTIVO
Entre os atractivos da visita, Fernández Rey destaca a subasta, coa singular arte do ruleiro, ou a novidade desta edición, a proxección dun vídeo para explicar todo o proceso.