O Concello de Trabada ofrece vivenda gratis a familias con dous ou máis fillos con idades comprendidas entre tres e seis anos que se asenten no municipio e que escolaricen aos nenos/as no CEIP Plurilingüe Celso Currás, co fin de que sobreviva o centro educativo.
O executivo local anuncia que axiña se publicarán as bases de axudas ás familias, coma nos dous anos anteriores, de fomento da natalidade ofrecendo 800 euros por nacido e familia empadroada (400 euros ao nacer e 400 euros no momento de escolarizarse no colexio público de Trabada), engadido ás subvencións para a compra de material escolar nos cursos de educación infantil.
Así pois, a alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez, fai un chamamento ás familias que viven en Trabada para que escolaricen os seus fillos no centro, toda vez que dende o goberno municipal “levamos catro anos traballando para ofrecer servizos, cos programas de conciliación que facemos durante o curso escolar tódalas tardes, cos campamentos de verán ou coa aposta que estamos a facer para contar cun Punto de atención á Infancia de 0 a 3″.
García Bermúdez tamén insta á Administración Autonómica que non peche a unidade, “xa que a escola pública rural é fundamental para manter o futuro do campo, e tendo en conta que hai empadroados máis dunha ducia de nenos menores de tres anos nos dea un marxe”.
CENTRO “IMPLICADO”
A rexedora destaca “o ambiente familiar” do centro, no que se ofrece “unha atención personalizada” e que conta con comedor con cociña propia. “Trátase dun centro plurilingüe implicado para que as nosas crianzas teñan as mesmas oportunidades que nas vilas meirandes”, conclúe.