A iniciativa de ofrecer vivenda de balde a cambio de empadroar os pícaros no municipio e matriculalos no colexio, como vén de facer o Concello de Trabada para tentar evitar a supresión dunha unidade no Ceip Celso Currás, axitou a política a nivel provincial e galego.
Unha mostra diso é que o Partido Popular (PP) da Fonsagrada vén de solicitar ao goberno bipartito que implante no municipio un modelo semellante para solventar as dificultades no Ceip Plurilingüe Santa María.
DÚAS PRAZAS DOCENTES MENOS
Neste centro, a redución de alumnado de tres a seis anos leva consigo a perda de dúas prazas de profesorado. O PP fonsagradino propón así “facilitar vivenda a todas aquelas familias con fillos que decidan traballar e vivir na Fonsagrada”. Máis información en Lugo Xornal.