Iniciosociedade470 contratos en 13 anos: as enfermeiras eventuais da Mariña reclaman a...

470 contratos en 13 anos: as enfermeiras eventuais da Mariña reclaman a fin da precariedade

O Hospital da Costa e centros de saúde como os de Viveiro ou Foz acolleron protestas do movemento galego das profesionais, que esixen estabilidade laboral

Publicada o

- Advertisement -

O Hospital Público da Mariña e os centros de saúde de Foz e Viveiro acolleron este venres protestas das enfermeiras eventuais do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que reclaman estabilidade laboral e a fin da precariedade.

Co lema ‘Coida a quen te coida‘, que espallaron polas redes sociais como cancelo, o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita reuniu usuarios e traballadoras en distintos puntos de Galicia para denunciar as condicións de traballo do colectivo sanitario máis numeroso.

PROBLEMÁTICA CALADA

A intención é chamar a atención sobre unha problemática que afecta de xeito calado a máis de 10.700 enfermeiras de toda Galicia, as que figuran nas listaxes de contratación do Sergas, das que algo máis de 330 -segundo datos ofrecidos no pasado mes de maio- solicitaron como lugar preferente A Mariña Lucense.

“Moitos cidadáns non o saben“, expón unha enfermeira que traballa no Hospital Público da Mariña, “se non teñen algún familiar nunha lista de contratación así. Non comprenden como vivimos. Antes, podías acadar unha vacante nun prazo de tres ou catro anos, e agora podes ter que agardar doce ou quince“, indica.

Segundo a Asociación de Enfermería Sociosanitaria da Coruña, as enfermeiras tardan unha media de once anos en acceder a un contrato de maior duración.

COTIZACIÓNS

Esta enfermeira do centro hospitalario mariñao asinou nos últimos trece anos un total de 470 contratos, a máis de 36 de media por exercicio.

Outra traballadora, natural de Mondoñedo e de 39 anos, enlazou en nove anos 530 contratos. Pero na súa vida laboral figuran “catro anos e un mes cotizados“, resalta.

“NUNCA SABES CANDO VAS TRABALLAR”

Que supón tanta inestabilidade? “Nunca sabes cando vas traballar”, lamenta a primeira. “Podes asinar contratos ou bloques de dous meses e medios por vacacións, pero todo o ano estamos pendentes das substitucións, a golpe de teléfono todos os días. Ás veces chámante ás dúas da tarde para entrar ás tres“, sostén.

Trala aprobación do Pacto de Selección de Persoal estatutario temporal, o Sergas pode chamar con tres horas de antelación ás enfermeiras para que ocupen un posto. De negarse, poden verse relegadas ao fondo da lista de contratación, incluso quedar fóra por un ano.

DESPROTECCIÓN

“A situación é dunha precariedade laboral total, quedas embarazada e a baixa maternal pasa a ser a cargo do paro e non puntúa”, lamenta unha profesional.

“Por enfermidade dun familiar podes non ter dereito a días, ao non ter continuidade de contrato”, indica outra traballadora. “Non podes planificar absolutamente nada; coidados, unha viaxe, mesmo casarte”, agrega.

“IMPOSIBLE CONCILIAR”

Deste xeito, a conciliación familiar faise imposible. “Como se pode ter unha familia vivindo trece anos a golpe de teléfono, recibindo aviso dun traballo unha hora antes, cando estás a facer de comer?”, pregunta unha das enfermeiras consultadas.

Concentración no centro de saúde de Viveiro. AXM

A outra profesional asegura que a inmensa maioría das persoas que traballan en enfermería son mulleres, e que a media de idade das temporeiras é superior aos 30 anos. “Quen vai ter fillos desta maneira?”, inquire.

PRESIÓN PSICOLÓXICA E FALTA DE DESCANSO

A nivel psicolóxico, “hai unha presión. Vas a unha cita médica e tes medo de que te chamen por teléfono, a non poder contestar e que se pase o contrato. É a vida diaria”, indican, para agregar que tamén pesa “o agobio de estudar sen ter data de exame“.

Na oferta de emprego público (OPE) da pasada primavera en Silleda, 8.734 persoas presentáronse a un concurso de oposición con 372 prazas: 23,47 aspirantes por posto.

Outra consecuencia da precariedade é a falta de descanso, pois ás veces repítense quendas de traballo de 20 ou 30 xornadas sen ningún día libre entre medias.

OS ÚLTIMOS AFECTADOS, OS PACIENTES

A inestabilidade non só repercute nos profesionais, senón tamén nos pacientes. “Por moita resistencia que teñas, aguantar tantos días seguidos é imposible”, sosteñen.

“A calidade da asistencia non é a mesma. Ti tentas facelo o mellor posible, pero cada día estás nun sitio distinto, empezando de cero. Aínda que teñas experiencia laboral e saibas como é o funcionamento dunha planta, non é o mesmo”, explica unha das traballadoras consultadas.

“Non é o mesmo traballar en traumatoloxía, que nunha UCI, que nun centro de saúde. Cada médico é diferente, cada paciente é diferente, cada planta é diferente. Non hai calidade sen continuidade“, afondan, “e iso crea ansiedade“.

ACTOS REIVINDICATIVOS

As enfermeiras continuarán a concentrarse os días 12 de cada mes (ás 12.00 horas) tanto no Hospital da Costa como en atención primaria.

Que piden? “Unha oposición en condicións, vacantes reais, ter unha estabilidade”. Que as coiden aqueles que coidan.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...