Fin a unha espera de 26 anos: a Xunta abrirá Viveiro ao mar o xoves

O Goberno galego anuncia o remate dunha obra que a sociedade viveirense reclamaba desde 1993, considerada vital por estética, seguridade e ante a falta de aparcadoiros no centro

Balseiro, na extensión do peirao vello. AXM

Despois de 26 anos de reclamacións por parte da sociedade viveirense, a Xunta de Galicia abrirá o xoves Viveiro ao mar trala fin das obras de derrubo dos galpóns do peirao vello e de acondicionamento da extensión, que se habilitará como aparcadoiro.

Nos últimos meses, o Executivo autonómico traballou na desmontaxe e derrubo dos galpóns e no acondicionamento dun espazo de 2.500 metros no que se incluíron zonas de axardinamento, iluminación e conexión cos servizos urbáns.

Rematará así unha actuación considerada chave no municipio, por razóns de estética, seguridade -ante o estado dalgunhas naves- e funcionalidade -ante as dificultades para aparcar no núcleo urbán-, e pola que os viveirenses se acostumaron a esperar despois de incontables anuncios.

BUROCRACIA

Catorce naves, utilizadas a modo de almacén, privaban a Viveiro dun espazo público que comezou a demandar o ex alcalde popular César Aja, no 1993.

No 2005 Portos de Galicia retirou os primeiros seis galpóns, ubicados na contorna da estación de autobuses. No 2014 demoléronse os catro seguintes, deixando en pé un dos cinco previstos inicialmente polo risco de que caese o adosado.

Finalmente, despois de chegar a un acordo cos propietarios doutras tres naves, iniciáronse -unha semana antes das pasadas eleccións municipais-, as últimas actuacións, que contaron cun investimento de 124.600 euros.

Ao longo dos anos, a tardanza en exectuar as actuacións motivou críticas por parte do Concello e doutros partidos da corporación viveirense.

CEN NOVAS PRAZAS

O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, remarca que “foi un traballo farragoso, houbo que rescatar a concesión dos galpóns, pero acadouse”.

Co acondicionamento da zona vanse crear cen novos aparcamentos gratuítos para acadar un total de 335 no centro de Viveiro, a carón do casco histórico.

“Aquí se pon a disposición de Viveiro o único aparcadoiro que ten a cidade. Creo que cumprimos e que abrimos esta parte de Viveiro ao mar onde antes había galpóns”, salientou Balseiro.

1 COMMENT

  1. ¡A Xunta fixo…! ¡O concello de Viveiro fixo…! Veña fotos aqui e acolá.
    Encheselles a boca a fartar en que uns fixeron esto e outros aquilo. Pero o verdadeiramente triste e que en non sei cantos anos, dicen que mais de 25, ningún dos gobernantes que tivo Viveiro fixo nada por tirar eses galpóns (que por outro lado seguro que tiñan a sua pertinente licencia de ocupación que non se podía rachar asi por así).
    Por certo, o “asfalto” que puxeron parece un pouco pobre. Non sei para que tanto anuncio se parece gravilla mal botada…e inda por riba un adefesio xa que hay zonas que quedaron empredradas tal cual estaban (descoñezo si van actuar neses treitos).
    Asi que non entendo tanta propaganda para tan pouca cousa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here