O Concello de Barreiros quere dotar de saneamento ás parroquias do interior do municipio, que carecen deste servizo, a través da participación dun proxecto piloto da Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña (UdC).
A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, e o concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, mantiveron o pasado luns unha xuntanza coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para abordar a situación actual das depuradoras do municipio.
As parroquias do interior barreirense –Vilamartín Pequeno, San Xusto e San Xulián de Cabarcos e Celeiro de Mariñaos– non contan con rede de saneamento, polo que na reunión falouse da existencia dun proxecto piloto que está a desenrolar Augas de Galicia xunto coa Universidade da Coruña sobre balsas verdes, un sistema alternativo que consiste na instalación dunha plantación forestal á que se lle subministran augas residuais urbanas. Unha parte delas evapórase á atmósfera e outra é absorbida polas prantas.
“Cremos que este proxecto encaixaría moi ben dentro de Barreiros, polo que nos ofrecemos como concello de proba para que realicen os estudos pertinentes e así dotar as zonas do interior de sistemas de depuración”, expón Ermida.
DEPURADORA DE SAN MIGUEL
Na xuntanza tamén se abordou a situación da depuradora de San Miguel de Reinante, “da cal existe un proxecto redactado cun custo de 3,3 millóns de euros pero sen financiamento. Neste punto a directora de Augas de Galicia emprázanos a buscar financiación directamente coa Conselleira de medio ambiente, Ángeles Vázquez”, indica Ermida.
A intención do executivo municipal é buscar solucións a fin de corrixir os problemas das augas residuais sen depurar que cada verán se están a sufrir, con vertidos acusados especialmente na praia de Arealonga.
“Cremos que se trata dun problema non só municipal senón tamén global, ao darse nunha zona costeira que forma parte da Rede Natura. O Concello non está en condicións de asumir esa contía e petaremos nas portas doutras Administracións para que saia adiante”, expón a rexedora.
EDAR DE SAN BARTOLO
Outro dos problemas que se tratou foi “o do emisario da depuradora de San Bartolo, o cal leva roto varios anos, e que Gutiérrez se compromete a revisar”.
Así, o executivo municipal enviará unha solicitude ao ente hidráulico autonómico para que realice unha revisión, a fin de “evitar problemas meirandes no futuro, como o que acontece en Viveiro”.