IniciosociedadeA Festa da Merluza cumpre 22 anos coa declaración de Interese Turístico...

A Festa da Merluza cumpre 22 anos coa declaración de Interese Turístico Nacional no punto de mira

Penalba e o Concello aspiran a obter o recoñecemento para unha celebración que o sábado moverá a cen colaboradores e repartirá 2.000 racións de pescada

Publicada o

- Advertisement -

A Festa da Merluza do Pincho de Celeiro cumprirá o vindeiro sábado 22 anos coa declaración de Interese Turístico Nacional no punto de mira.

A exaltación gastronómica, que organiza a asociación Penalba coa colaboración de Porto de Celeiro, a confraría de pescadores celeirense e o Concello de Viveiro, acadou o galardón de Interese Turístico Galego no 2013.

O presidente do colectivo, Bernardo Fraga, recoñeceu que a declaración é “un dos principais obxectivos” da asociación, que reunirá a unhas cen persoas que colaboran na festa, “todas elas de forma altruísta. Iso demostra que se trata dun evento do pobo para o pobo e fala de como é a xente de Celeiro”, afirmou.

800 QUILOS

Fraga sinalou que nesta edición esperan batir o “récord histórico” da festa no tocante á cantidade de peixe servida, dado que Penalba ofrecerá unhas 2.000 racións -uns 800 quilos de pescada-. Porto de Celeiro e a confraría achegan a materia prima, a merluza do pincho, capturada coa selectiva arte do pincho para garantir o mellor estado e a máxima frescura. O reparto comezará ás 21.00 horas.

COLABORADORES

Fraga agradeceu a Porto de Celeiro e á confraría que “acheguen o produto estrela”, así como a colaboración do Concello e a Deputación Provincial de Lugo, que concedeu por primeira vez unha subvención nominativa ao evento.

Entre as empresas colaboradoras están Abanca e Gadisa, que “farán patrocinio e difusión da festa de xeito que sexa máis coñecida aínda a nivel galego”, expuxo o presidente do colectivo organizador.

“Isto axudará a que, entre todos, consigamos que a festa sexa de Interese Turístico Nacional, que é un dos nosos seguintes obxectivos”, expón Fraga. Os outros son “mellorar o espazo onde se celebra”, a lonxa vella de Celeiro, “para acadar unha mellor imaxe, e incluír algunha actividade paralela“.

Fraga resaltou o “enorme valor engadido” que produce a pescada, “xerando riqueza e postos de traballo” non só no municipio de Viveiro senón tamén na comarca da Mariña Lucense.

“MÁXIMA CALIDADE”

O alcalde en funcións de Viveiro e edil de mar, Suso Fernández, afirmou que a Festa da Merluza “ten unha bagaxe importante tras 22 anos” e cre que malia que se trata “dun traballo complicado, especialmente no tema burocrático”, a declaración “pódese conseguir coa unión de todos”.

O representante do Concello remarcou a colaboración do goberno local no tocante á promoción “dun produto da máxima calidade”, coa organización de degustacións en citas como a Semana Verde de Silleda como no Xantar de Ourense. Fernández salientou que a festa gañou neste último salón gastronómico un concurso de carteis de exaltacións gastronómicas, cunha obra de Dani Caxete.

Na presentación participaron, ademais de Fraga e Fernández, José Novo, presidente de Porto de Celeiro, Rosario San Isidro, coordinadora da festa; e Domingo Rey, patrón maior de Celeiro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...