A comisaría da Policía Nacional de Viveiro conta con tres axentes máis desde esta semana. Así o anunciou a subdelegada do Goberno central, Isabel Rodríguez.
Estes tres policías chegan a Viveiro por promoción interna, tralo concurso xeral de méritos. Trátase de tres funcionarios de escala básica que se incorporan á comisaría.
CRÍTICAS DOS SINDICATOS
O seu ingreso aliviará en parte o problema de escaseza de persoal que afronta o posto. No pasado mes de xuño, os sindicatos denunciaron que a comisaría contaba con 50 axentes cando precisaría 68.
Unión Federal de Policía (UFP) e Justicia Policial (Jupol) lamentaron que o Executivo central non asignase ningún axente en prácticas á comisaría viveirense, asegurando que se precisaría “un mínimo de catro” para afrontar o verán, un período no que a multiplicación da poboación na Mariña Lucense aumenta a cantidade de traballo.
Xustamente, Rodríguez anunciou a incorporación dos tres axentes na presentación dos policías en prácticas que se formarán durante un ano na comisaría de Lugo -dez, por ningún de Viveiro e Monforte-.
O GOBERNO ADMITE O DÉFICIT
A subdelegada do Goberno central admitiu que “compartimos cos sindicatos de policía a preocupación polo déficit de persoal, un problema que herdamos tralos recortes do anterior Goberno, e que traballamos para superar coa convocatoria de novas prazas”.
Así, salientou que o Goberno “publicou o pasado martes no Boletín Oficial do Estado a relación de 2.900 aprobados na oposición para ingreso na Policía, que agora deberán facer o correspondente curso de formación”.