O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Lourenzá pediu este venres ao executivo municipal que acometa cinco medidas que considera urxentes antes dos tres primeiros meses do mandato. Entre elas están a creación dun programa de madrugadores para o colexio e a gardería.
Segundo explica o partido frontista, este servizo serviría para combater “a crise demográfica” que está a afectar “ás vilas do interior. Temos que facelas atractivas para que parellas non marchen a concellos limítrofes con máis oportunidades”, asegura.
Deste xeito, os nacionalistas sosteñen que o programa de madrugadores “favorece a conciliación da vida persoal coa laboral e axuda así aos proxenitores que teñen problemas para poder traballar e deixar ben atendidos os seus meniños”.
En relación tamén coa situación demográfica, dado que “o municipio ten unha pboación cada vez máis envellecida” ao tempo que “vivimos nun mundo cada vez máis informatizado”, outra das demandas do BNG laurentino é que se dispoña un punto de atención para agricultores e gandeiros.
Os nacionalistas piden ao goberno local socialista que cree un servizo que sirva como “pilar de apoio, tanto informativo como efectivo”, para aqueles veciños do sector agrogandeiro que poidan ter dificultades para realizar trámites administrativos.
“Así daremos aos negocios agrogandeiros un maior dinamismo e coidaremos dun sector que é motor e conómico e sinal de identidade do noso concello”, afirman.
XIMNASIO MUNICIPAL
A formación frontista tamén solicita a apertura dun ximnasio municipal para potenciar a actividade das escolas deportivas e dos deportistas federados do municipio, así como facilitar aos veciños “que poidan facer exercicio sen necesidade de desprazarse”.
LIMPEZA E ARRANXO DE VIAIS
O BNG insta tamén ao executivo local a arranxar os viais que atravesan o centro de Santa María (Travesía da Mariña – Avenida de Mondoñedo) e a limpar as cunetas e estradas das parroquias. “En primavera e verán o tractor municipal debe traballar máis horas, e non só pola mañá. A contratación doutro operario que realice esa labor tamén durante o horario de tarde é de vital importancia”, expoñen.