Os socorristas volven a Coto á espera de negociar de novo o cadrante

Concello e vixilantes sentarán de novo para reorganizar o servizo, presumiblemente a partir do martes

Praia de Coto, en Barreiros. AXM

O servizo de socorrismo quedou este venres reestablecido en Barreiros á espera de que Concello e socorristas negocien de novo, previsiblemente a partir do vindeiro martes, o cadrante a aplicar nas praias barreirenses durante o verán. Deste xeito, o areal de Coto contou ao longo da xornada con vixilancia, como acontecerá tamén en principio o sábado e mailo domingo.

O pasado xoves trascendeu o tira e afrouxa que mantiñan executivo municipal e vixilantes desde o luns, cando o conflito iniciado polas horas extras que o Concello se negou a pagar, entendendo que custeándoas incumpría a normativa no tocante aos descansos e á acumulación de horas extraordinarias, se recrudeceu ao presentar o goberno local un novo cadrante que incluía cubrir Coto os sete días da semana, punto que rexeitaron os socorristas ata o feito de desobedecer as ordes do coordinador do servizo e da alcaldesa.

A rexedora, a nacionalista Ana Ermida, explica que este venres envióuselles por escrito a cada un dos 14 profesionais -once deles asinaron un escrito no que ameazaron con interpoñer unha denuncia ante Inspección de Traballo senón se atendían as súas peticións- a orde de que vixilen o areal de Coto durante os sete días da semana e non só sábados e domingos, como estaba aprobado nun primeiro cadrante.

A normalidade volveu así a Barreiros, alomenos polo momento. Os socorristas piden que se garanta a súa “seguridade” e “a dos bañistas”, xa que entenden que co cadrante quedarían cinco praias colindantes a Coto –RemiorAcantilado e San Bartolo á marxe esquerda, Oliñas e Gaivota á marxe dereita- sen servizo de socorrismo, o que entenden que dificultaría a súa tarefa no areal e tamén posibles rescates nos outros espazos.

Así, ante o que entenden como “un risco máis elevado do que imos permitir“, reclaman a posibilidade de que “entre nós poidamos darnos un reforzo“.

Os profesionais piden así unha reorganización do servizo que prescinda da vixilancia en Altar, punto que o Concello non quere aceptar, propoñendo que sexa a praia de Oliñas a que quede sen socorristas durante os días laborables. “Hai que darlle cobertura a unha praia que é perigosa, ten afluencia e que unha extensión”, expón Ermida.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here