O Concello de Mondoñedo e a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos mindoniense acordaron a prohibición do estacionamento nas rúas do casco histórico da cidade. O novo plan de tráfico porase en marcha o 1 de xullo.
Segundo o goberno local, a medida vén a satisfacer a demanda dos empresarios polos habituais incumprimentos da normativa. O Concello pretende sumar á oposición ao proxecto enviará a proposta aos voceiros dos grupos políticos municipais para que poidan facer as achegas que consideren. Pola súa banda, os veciños recibirán un comunicado que os informará dos cambios.
ALTERNATIVAS
Para facilitar o movemento na cidade sen prexudicar aos negocios, o Concello habilitará espazos para estacionar con tempo limitado para xestións rápidas. A alcaldesa, a popular Elena Candia, comprométese a “poñer en marcha de xeito inmediato, a través dunha intervención provisional, o aparcadoiro da Travesía Casas Novas”. Esta instalación, detrás da Igrexa Nova, contará con 100 prazas. O Concello presentou o proxecto ao Ministerio de Fomento en xaneiro, e no pasado mes de maio recibiu a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio.
A rexedora afirma que estuda a posibilidade de incluír un aparcadoiro máis para facilitar o tránsito no municipio e evitar a concentración de vehículos na zona vella. Candia sostén que “queremos unha cidade viva na que convivan todos os intereses, polo que buscamos solucións de consenso”.