Sargadelos acollerá do 24 ao 27 de xullo un festival multidisciplinar que contará con actividades pensadas para todos os públicos. Desde a organización animan a veciños e visitantes a participar nos actos programados dentro das festas de Santiago Apóstolo.
A cita foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, pola edil de cultura, Dolores García Caramés, polo concelleiro de turismo, David Rodríguez Pernas, e por unha representación da Asociación Cultural Amigos da Troula, que coorganiza a actividade.
Tal e como explicaron “deseñamos un completo programa co obxectivo de facer gozar a veciños e visitantes de catro días de ocio e diversión”.
TRAIL SOLIDARIO
A programación ábrese o mércores 24 de Xullo co Trail Solidario 6K de Sargadelos. O prazo de inscrición remata este domingo, ás 00.00 horas. Xa que correr é de balde, a cambio pídese unha pequena doazón de alimentos que vai destinada a unha ONG.
Ao acabar a carreira comeza a II Espetada Moura, onde se porán á venda ‘pinchos morunos‘ a prezos populares. Para rematar a xornada haberá verbena a cargo da orquestra Kalima 3.0 e Disco Móbil Blanco y Negro.
O 25, SESIÓN VERMÚ E FOLIADA
O Xoves 25, día do Apóstolo Santiago e festividade de Galicia, haberá sesión vermú a cargo do Dúo Eclipse a partir das 14.00 horas, rutas a cabalo a partir das 17.00 horas da man de Cabaliño de Pao e foliada tradicional a partir das 20.00 horas cos grupos Airiños do Xunco, Mistura, Rebolaxe e Ledicia. Ao remate haberá foliada libre.
O 26, OBRADOIROS E UNHA FESTA HAWAIANA
O venres 26 comezan dúas xornadas de emprendemento empresarial coa proxección do documental Startup.com e o obradoiro de cociña para nenos Cociñando con Bolboretas no Bandullo. Pola tarde haberá unha degustación de marmeladas a cargo de A Morena e un obradoiro de ioga. Para rematar a xornada haberá unha festa hawaiana a partir das 21.00 horas.
O SÁBADO 27, FESTIVAL MUSICAL
O sábado 27 continúan as actividades de emprendemento con un obradoiro de motivación empresarial de 10.00 a 13.00 horas, unha charla networking sobre industria alimentaria ás 13.00 horas e unha cata de cervexas artesás a cargo de A Ribeira, acompañada dunha degustación de produtos do mar a cargo de Currimar Conservas Tradicionais, ás 14.00, durante o concerto de Crooner 432.
O sábado pola mañá haberá tamén un posto de sensibilización ambiental onde se farán actividades de concienciación co medio ambiente e a importancia da conservación patrimonial.
Pola tarde os obradoiros de robótica e atrapasoños poñen o punto e final ao programa de emprendemento e deixan a testemuña aos concertos de Batuko Tabanka, Eu Son Band, Sintrom Ni Son, The Tetas Van, Ricky Hombre Libre e Ortiga. Pechará a noite unha disco móbil.
INSCRICIÓN
Para inscribirse na carreira e nos obradoiros de robótica, motivación empresarial e Cociñando con Bolboretas no Bandullo hai que mandar un correo electrónico a adatroula@gmail.com co nome, documento nacional de identidade e a data de nacemento.
Villares quixo poñer en valor o esforzo e a dedicación “deste grupo de rapaces do noso Concello que, de xeito totalmente altruísta, lograron completar un programa que nos fará desfrutar, de seguro, a todos”.