IniciosociedadeOs socorristas aceptan vixiar Coto pero ven como "un castigo" un simulacro...

Os socorristas aceptan vixiar Coto pero ven como “un castigo” un simulacro de rescate sorpresa

Os vixilantes quéixanse de que non foron avisados nin tampouco os bañistas, mentres que o Concello afirma que se trata dunha práctica "habitual" que "non puxo a ninguén en perigo"

Publicada o

- Advertisement -

Os socorristas de Barreiros aceptaron o cadrante proposto polo Concello trala reunión mantida este martes. Así, a praia de Coto terá vixilancia de luns a domingo, mentres que Oliñas e Gaivota só contarán con servizo de socorrismo nas fins de semana.

Esta proposta topara nun principio co rexeitamento dos traballadores, que mesmo ameazaron con deixar os seus postos se non se garantía “a seguridade” tanto dos profesionais como dos bañistas. Despois de que o Concello se negase a sufragar horas extras pactadas outros veráns, cuestión que iniciou o conflito, ambas partes polemizaron pola vixilancia en Coto.

Os empregados esixían sacrificar o areal de Altar a cambio de vixilar Coto os sete días da semana e anunciaron por escrito que acudirían a Inspección de Traballo de non atender o executivo municipal as súas peticións. O Concello, pola súa banda, asegurou estudar as medidas a tomar despois de que os socorristas “desobedecesen” desde o pasado luns ata o pasado venres as ordes do coordinador e da propia alcaldesa, Ana Ermida.

Malia que o acordo supón para veciñanza e turistas a volta da normalidade ás praias de Barreiros, iniciada o pasado venres cando os traballadores acataron a orde dos responsables do servizo, o conflito entre o Concello e os socorristas semella enquistado.

“AFÁN DE AUTORIDADE”

Este martes, Cope de la Costa fíxose eco da queixa dos empregados por un simulacro de rescate no areal de Lóngara, o pasado luns, “sen avisar a ninguén“, unha situación que interpretan como “un castigo” do coordinador do servizo, cun “afán desmedido de autoridade”, no contexto de desavinzas entre ambas partes.

Segundo recolle a Cope, os socorristas aseguran que o coordinador “valeuse dun menor” -un rapaz de 16 anos– para o simulacro, do que non avisou aos profesionais nin aos usuarios das praias. “E se algún usuario chamase ao 112? Quen correría cos gastos de mobilización? E se un usuario se tirase á auga e puxese a súa vida en perigo?”, preguntan os traballadores, que aseguran que se debeu “poñer en coñecemento aos servizos de emerxencias e colocar carteis para non alarmar aos bañistas”.

CONTÁBASE “CON TODOS OS PERMISOS”

Ermida lembra que o simulacro “entra nas labores de formación” e salienta que se realizou “un día que non había afluencia de xente na praia”. A rexedora asegura que a actividade foi organizada “con todos os permisos” e que as persoas que participaron tiñan “plena capacidade”, de xeito que “non se puxo en perigo a ninguén”.

UN OU DOUS POR VERÁN

Segundo consultou o Xornal da Mariña a profesionais que traballaron en veráns anteriores en Barreiros, este tipo de simulacros sen advertir aos socorristas foron unha práctica habitual co actual coordinador, cunha periodicidade de un ou dous por cada período estival. A actividade mesmo conta coa aprobación dos consultados, dado que os ven como unha forma fiable de comprobar a axilidade do servizo en situacións de emerxencia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...