A conselleira de Educación Carmen Pomar visitou este martes as obras que se están a desenvolver nos colexios CEIP nº 1 de Foz e no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Burela.
Nos últimos días comezaron os traballos de mellora nos dous centros que, segundo as previsións da propia Xunta de Galicia, concluirán para o inicio do vindeiro curso. A reforma dos dous centros suporá un investimento de 1.676.286 euros.
“OBRAS AVANZADAS” EN BURELA
En Burela, a titular de Educación seguiu o avance das obras que, dixo, “avanzan a bo ritmo de execución”.
Os operarios traballan estes días na instalación de sistemas de illamento térmico e na substitución de portas, ventás e falsos teitos, ademais das luminarias.
Segundo sinalou a conselleira, as obras que se están a realizar responden aos problemas con filtracións de auga rexistrados o pasado curso, que obrigaron a executar accións de urxencia agora completadas con estes traballos.
FOZ
En Foz, a reforma prevista para mellorar o illamento térmico e a funcionalidade dos edificios escolares está a comezar coa colocación dos andamios na fachada e as casetas de obra.