IniciosociedadePP e En Marea dubidan de que se cumpra o ratio de...

PP e En Marea dubidan de que se cumpra o ratio de persoal na residencia de Ribadeo

O PP solicita un pleno extraordinario para abordar a situación do xeriátrico e a formación instrumental di facerse eco de "queixas" dos familiares pola "escaseza de empregados"

Publicada o

- Advertisement -

Partido Popular (PP) de Ribadeo e En Marea cuestionan que se cumpra o ratio de traballadores por usuario na residencia de maiores. O grupo municipal conservador rexistrou unha solicitude para a convocatoria dun pleno extraordinario co funcionamento da xeriátrico como punto da orde do día.

O voceiro dos populares, Daniel Vega, sinala que “ante o silencio absoluto como resposta á nosa solicitude de convocatoria dunha reunión da xunta de portavoces, procedemos agora a dar un paso máis para que o goberno local nos aclare a situación real do funcionamento dos distintos servizos da residencia de maiores do municipio”.

Vega asegura que “o alcalde (o nacionalista Fernando Suárez Barcia) é o responsable de que a residencia, de titularidade pública municipal, estea a funcionar sen servizo de gas, secadora e ferro de pasar”.

Os populares esixen respostas sobre os procedementos de contratación destes servizos e o actual desenvolvemento desas tarefas. Entre as preguntas que trasladan ao executivo municipal a través da solicitude dun pleno extraordinario está tamén o ratio de persoal. O PP dubida de “se se cumpre o índice legalmente establecido de número de traballadores por usuario”.

“FALTA DE RESPECTO” Á OPOSICIÓN

O PP ribadense cre que se trata “dunha falta de respecto aos grupos da oposición e, polo tanto, tamén á veciñanza, o feito de que o alcalde non respondera á petición de reunión da xunta de portavoces”. Polo tanto, “coa solicitude dun pleno extraordinario amparada por máis dunha cuarta parte dos concelleiros da corporación, o goberno local nacionalista terá que responder ante todos e todas”.

CÁTERIN PRIVADO

Por outra banda, En Marea reitera en que ao non contar con conexión de gas – “sen que o alcalde sexa capaz de concretar unha data” para o funcionamento do servizo- a comida sérvese no centro “a través dun cáterin privado de Burela”, unha situación que “incumpre as bases de adxudicación, que establecen que todas as comidas elaboraranse diariamente nas cociñas do centro, por persoal cualificado”.

O partido instrumental di facerse eco de “queixas de familiares” ante a “falla de persoal asistencial”, servizo axudicado a Clece, “empresa do grupo ACS, liderado por Florentino Pérez”.

En Marea salienta que nas bases da convocatoria figuran as ratios de persoal en función do número de internos e do grao de dependencia, “pactadas polo Concello de Ribadeo e maila Deputación, responsable directa da licitación”.

A verificación do ratios de persoal faise imposible para os usuarios e familiares que denuncian as carencias e os retrasos no servizo por escaseza de persoal”, sostén a formación instrumental.

“OSCURANTISMO”

Finalmente, En Marea propón “a posta en marcha dunha asociación de familiares e veciños interesados polos servizos sociais e un regulamento de participación que permita integrar servizos e sociedade e rematar ca lacra do oscurantismo propia da política do BNG de Ribadeo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...