Ana Martínez/EFE. Falecer na soidade máis absoluta sen que ninguén se decate durante días ou ata meses é unha crúa realidade que esta semana se cebou con Galicia, con tres mortes destas características detectadas todas elas en apenas unha semana pola presenza dun cheiro case insoportable.
En Viveiro atoparon morto un home que vivía de alugueiro na zona de Covas e crese que puido falecer xa no pasado mes de febreiro. Os seus arrendatarios residen normalmente en Inglaterra e foi ese mes no que deixou de ingresar o diñeiro que acordaran como alugueiro. O cheiro e a chegada dos caseiros propiciou a descuberta do seu cadáver, en avanzado estado de descomposición.
En Ferrol, unha veciña da rúa Alcalde Usero perdeu a vida en idénticas circunstancias, pois, a falta da autopsia, as causas parecen ser naturais. No seu caso, a diferenza do anterior, foi un parente que non puido contactar con ela o que deu a voz de alarma e, finalmente, confirmáronse as peores sospeitas.
En Ourense, tamén se atopou o corpo dun veciño da Rúa Marquesa, que adoitaba dar longos paseos polo barrio e polo casco da cidade. Como nos episodios mencionados, o tufo permitiu ver o que ocorrera.
278.600 PERSOAS VIVEN SOAS EN GALICIA
Segundo a última Enquisa Continua de Fogares correspondente a 2018 e divulgada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), xa só na comunidade galega son 278.600 as persoas que viven soas, en fogares unipersonais, e na cidade áurea o fenómeno é máis acusado se cabe.
Non en balde, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), volveu poñer sobre a mesa a necesidade dun plan de choque, que consistiría nunha comunicación constante, cada dous ou tres días como máximo, mediante chamadas, para comprobar con fiabilidade que todo estea en orde.
NO XAPÓN HAI EMPRESAS DE “LIMPEZA FORENSE”
Moi lonxe de Galicia, en Xapón, as empresas de limpeza forense, un negocio en alza, convertéronse nas testemuñas de excepción desta lacra.
A pestilencia, as ducias de insectos e montañas de lixo acumulado reciben normalmente no seu lugar de traballo a Atsushi Takaesu, propietario da empresa de limpeza A & T e autor do libro ‘Aquí chega un limpiador de escenas do crime‘ (2012).
Nos peores casos, os que el considera como “complicados”, tamén atopa sangue ou excrementos, que chegan ata a filtrarse polo resto de pisos do edificio alertando aos moradores.
Unha vez que termina a súa tarefa, o recordo do anterior inquilino queda borrado por completo ata que finalmente non queda sinal algunha que atestigüe que alguén viviu alí antes e a casa pode ser alugada de novo.
As últimas cifras sinalan que preto de 33.000 persoas morren soas cada ano nos seus fogares en Xapón, sen que ninguén descubra o seu cadáver durante semanas ou ata meses.
No entanto, aínda que non hai datos novos nin oficiais, os expertos consideran que o número vai en aumento.
ANCIÁNS DESATENDIDOS
Mentres que noutros países, ou en comunidades como a galega, o perfil das “mortes solitarias” adoita ser en xeral o de anciáns desatendidos, en Xapón pola contra o panorama máis habitual é o de homes de entre 40 e 60 anos que, tras perder o seu traballo e romper os seus lazos familiares -no caso de que tivesen-, dexeneran en saúde ata fenecer.