Un total de 30 marcas, entre elas a popular zapatería de zocos Eferro, citaranse na Feira de Artesanía de Viveiro, que cumprirá a súa trixésimo sexta edición do 9 ao 18 de agosto nos Xardíns de Noriega Varela.
A Bugarda, Afeitura, Alfarería José María Guisado Monge, Arcoiris, Cabuxa, Charo Cimas, Eferro, Feitizo, Fonte Meimil, Imavi, Jatafarta, Jotapunto, Las Flores de Greta, Leonlagata, Llue Vidrieros, Lucecús, Maguetes, Mestura de Kores, Media Lúa, O Sapo Chosco, Paparolo, Patapum, Paula Dimé, Pecoreados Artesanía, Rappa Taller, Regal Cerámica, Albaida, Taller Cruz, Lirandy e Xacarandá ofrecerán un amplo abano de propostas que distingue á feira viverense, que abrirá en horario matinal -de 11.00 a 14.00 horas- e de tarde -de 17.30 a 22.00 horas-.
VARIEDADE
“Queremos que haxa a variedade que todo o mundo busca nunha feira”, explica Noela Feal, que exerce como voceira da asociación organizadora, Proa. O colectivo agradece a colaboración do Concello de Viveiro, que colabora con persoal e unha axuda económica, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.
“A maioría das propostas, o 80%, vén de Galicia, que é un lugar con moito potencial en sectores como a xoiería ou coiro, aínda que nós buscamos que iso non teña tanto peso; teremos tamén artesáns de Asturias ou as Illas Canarias“, expón Feal.
Outra das intencións da organización é premiar o coidado dos detalles, para o que organiza un premio ao mellor stand e outro ao mellor produto orixinal para esa “peza única” que ofrezan os artesáns.
DAS MÁIS ANTIGAS DE GALICIA
Iniciada no 1984, ano desde o que se celebrou sen interrupcións, a feira -unha das citas máis veteranas do calendario galego- é evento asentado. A mellor mostra da súa consolidación é que Feal tiña catro anos na data do seu comezo. “Todo comezou con Melchor Roel e a Asociación de Viúvas e Amas de Casa de Viveiro. Transmitíronos o amor polo noso patrimonio cultural”, precisa. Hoxe en día é un dos encontros “mellor considerados polo público e polos artesáns”, sinala.
DEMOSTRACIÓNS E OBRADOIROS
Un dos atractivos da feira é que os participantes realizarán talleres demostrativos e obradoiros. O día 15 o artista local David Catá realizará un estudo ao aire libre, e o venres 16 haberá unha demostración de bonecos a cargo de Lucecús, con patrocionio da Deputación.
Antes, o día 14, Lucas Requejo impartirá un taller de alimentación. Ademais, disporase o habitual tear para que os asistentes poidan participar.