A Asociación de Comerciantes, Industrais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo fixo balance da pasada edición do Ribadeo Indiano, que segundo o colectivo empresarial reuniu a 60.000 persoas na vila durante o fin de semana do pasado 15 de xullo, deixando un impacto económico de 3,5 millóns de euros na hostalería, hoteis e comercios.
A agrupación de empresarios ribadense felicítase por estes datos, que superan aos da edición de 2018, cando o balance de asistencia foi de 50.000 persoas. Este verán, segundo precisou o Concello, só no concerto do grupo Compay Segundo, celebrado o domingo en San Roque, congregáronse 12.000 asistentes.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, valorou “o traballo conxunto de Concello e Acisa” e salientou que “o investimento que realizamos no Ribadeo Indiano é ben pequena se a comparamos con todos os beneficios que xera esta cita”.
NOVAS ACTIVIDADES
Acisa asegurou que traballa no calendario de actividades que se desenvolverán despois do verán, “cunha nova edición do Domingueo en Ribadeo, unhas xornadas gastronómicas e o Nadal. Tamén haberá accións organizadas xunto a outras entidades”, expuxo Pérez. Estes foron algúns dos asuntos abordados na última reunión da xunta directiva celebrada esta semana.
160 SOCIOS
A ampliación dos horarios dos establecementos de hostalería foi outro dos asuntos abordados. Acisa lembra que é a asociación encargada de tramitar as ampliacións horarias para todo o ano, das que se benefician só os asociados. Así, instan aos negocios ribadenses a ingresar no colectivo, que conta con 160 socios.
FESTAS PATRONAIS E EMMA CUERVO
Por outra banda, a directiva decidiu non colaborar economicamente como asociación coas festas patronais “debido ás numerosas queixas que recibimos dunha parte dos nosos asociados que se amosan en contra da instalación, un ano máis, do Mercado Pirata no parque de San Francisco. Temos queixas de tendas de deportes, de xoierías, de panaderías e doutros locais que consideran que é unha competencia para eles no mellor mes do ano, no que máis ventas teñen que rexistrar”, argumenta o colectivo.
Do mesmo xeito, o xerente de Acisa explicou que a asociación decidiu “non colaborar nesta edición do trofeo de fútbol Emma Cuervo, xa que non se disputou en Ribadeo senón en Navia, polo que non repercutiu nos nosos asociados”.