O Mercado Medieval de Mondoñedo, que se celebrará entre o 9 e o 11 de agosto, espera beneficiarse na edición deste ano dos “mellores datos” que está a alcanzar o turismo en Galicia, posto que no que vai de ano incrementouse nun 19% o fluxo de visitantes chegados á comunidade, segundo resaltou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
A responsable desta área a nivel autonómico e a alcaldesa do municipio, a popular Elena Candia, así como representantes das asociacións coorganizadoras do evento, presentaron a vixésimo oitava edición da cita, de Interese Turístico Galego, en Santiago de Compostela.
Durante o tres días de duración do merca desenvolveranse máis de 85 actividades. Ademais, será a primeira ocasión na que se poña en práctica o Plan de Seguridade da Catedral de Mondoñedo, que implica unha serie de cambios estruturais na organización da festa. Unha das principais medidas radica na necesidade de afastar os postos de artesanía do edificio histórico para manter a súa seguridade e conservación.
Candia agradeceu a colaboración das asociacións culturais Hípica Celta e Pasatempo e o labor dos propios veciños da poboación por “manter viva a pegada histórica de Mondoñedo”. Tamén animou a todos os galegos a que visiten o mercado por ser “un sinónimo de singularidade e calidade”.
150 STANDS DE ARTESANÍA
Este mercado, que contará con 150 postos de artesanía, supón, segundo Castro, “un dos eventos económicos máis importantes da provincia de Lugo. Axudou a situar a Mondoñedo como referente cultural na comarca e “espérase que siga crecendo ata o seguinte paso”, alcanzar a distinción de Interese Nacional.
Con respecto ás cifras de asistencia, espérase mellorar as do ano pasado. Castro comentou con optimismo que tras coñecer os datos de aumento en toda a comunidade agárdase unha participación masiva durante o evento. “Énchenos de satisfacción colaborar con festas que axudan a diversificar a oferta turística en Galicia”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.