O PP de Trabada emitiu este venres un comunicado no que asegura que a alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez, “non propuxo medidas atractivas” para que as familias escolaricen os seus fillos no municipio.
Despois de que o Concello conseguise revertir a perda dunha unidade de infantil no Ceip Celso Currás, ao ofrecer de balde dúas vivendas deshabitadas de titularidade municipal a outras tantas familias que escolarizasen os seus fillos no centro, os conservadores salientan que “temos a matrícula máis baixa da Mariña Lucense, e probablemente de toda Galicia“.
O PP trabadense, que encabeza José María Vázquez, subliña que houbo “dez rapaces que, malia estar censados neste concello, cursaron os seus estudos noutros lugares e incluso noutras comunidades como a de Asturias”.
Os populares afirman que non se opoñen a que o concello acolla familias doutros lugares, pero consideran “lóxico” que a entidade local “debera de propór antes actuacións que estimulen ás familias a escolarizar os rapaces en Trabada, á marxe incluso da preferencia dos proxenitores para elixir o colexio dos seus fillos”.
“O que debería de facer é algo atractivo para os de aquí, e para que, en vez de ir a buscalos a Senegal ou Guadalaxara, os que están escolarizados fóra de Trabada, queden aquí”, remarcan.