No mes de xullo un total de 25.333 persoas solicitaron información na oficina de turismo de Ribadeo e no punto de atención das Catedrais, segundo os datos do goberno local, o que supón un incremento dunhas 500 persoas con respecto ao ano anterior.
A oficina do núcleo urbán, que abriu durante todos os días de xullo, contabilizou un total de 9.668 viaxeiros, cun total de 491 persoas o 26 dese mes.
No caso do punto de atención habilitado na praia das Catedrais, rexistráronse 15.665 consultas. O día de maior afluencia foi o 28 de xullo, con 748 viaxeiros atendidos.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, subliña “o aumento dos visitantes que nos confirman que dormen en Ribadeo. Así, con respecto ao mesmo período do ano pasado, tivo lugar un incremento do triplo nas pernoitas, chegando a facer noite nos establecementos de Ribadeo o 30% das persoas que realizan consultas na oficina de turismo”.
PROCEDENCIAS
Madrid segue a ser o principal emisor dos turistas que chegan a Ribadeo cun 22%, xunto cos procedentes de Castela e León, Galicia e Andalucía. Euskadi, Castela-A Mancha e Cataluña son as seguintes comunidades autónomas emisoras. O turismo internacional procede, sobre todo, de Francia, Alemaña e Italia, seguidos despois de Reino Unido, Bélxica e Polonia. Desde América sobresaen os estadounidenses e os arxentinos.
Vizoso salienta que “se consolida o turismo estranxeiro. O estatal supón o 88% do total e o estranxeiro o 12% na oficina do centro da vila. No punto de información da praia de As Catedrais o 87,9 é estatal e 12,1% estranxeiro. Podemos dicir que o noso Concello recibiu visitantes de todas as comunidades do Estado Español e no tocante aos viaxeiros estranxeiros achegáronse persoas de máis de 40 países distintos”.
TURISMO ORGANIZADO
No tocante ao turismo organizado, un total de 71 grupos pasaron polo concello en xullo con 3.409 persoas; 29 agrupacións pararon a informarse en Ribadeo e outros 42 nas Catedrais.
CAMIÑO NORTE
Para Vizoso “os datos mostran que o Camiño Norte colle cada vez máis relevancia conforme pasan os anos. Desta maneira moitos camiñantes escollen esta opción para realizar a peregrinación a Compostela, co que se produciu un incremento dos mesmos con respecto a anos anteriores”.
EN AGOSTO, XEORUTAS
O Concello de Ribadeo organizará ao longo deste mes de agosto xeorutas a través das que se poderá descubrir o seu patrimonio natural e xeolóxico.
Un dos percorridos será a Xeoruta dos Pregues, onde se descubrirá unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña Lucense, o gran pregue que se estende dende a Ría de Foz á de Ribadeo. Este roteiro terá lugar os xoves 8 e 22 de agosto e mércores 14 de agosto.
A Xeoruta dos Ollos permitirá “saborear os tesouros xeolóxicos e gastronómicos do treito litoral do pobo mariñeiro de Rinlo”. Esta ruta desenvolverase os luns 12, 19 e 26 de agosto.