EFE. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, afeou ao goberno bipartito da Diputación Provincial -conformado por PSdeG-PSOE e BNG– a súa intención de traspasar á Administración autonómica a xestión de residencias da terceira idade como a de Ourol.
“Non saben que facer con elas e queren que agora a Xunta lles faga o seu traballo”, indicou Balseiro.
O delegado da Xunta quixo recordar que “en campaña electoral estiveron ata prometendo máis residencias, ata asinando convenios con concellos como Cervantes e Ourol, e agora din que as colla a Xunta”.
“Deberan pedir desculpas polo espectáculo, sobre todo aos veciños destes dous concellos que seguramente quedaranse sen residencia“, argumentou.
En referencia ao que fixeron os socialistas “desde 2010” en materia de residencias, o delegado territorial indicou que “abriron tres e o 80% restante nin sequera pediron o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) á Xunta”.
Balseiro tamén sinalou que “o principal problema das residencias da Deputación é que se fixeron en base a un criterio partidista, en concellos con gobernos socialistas, e sen seguir cuestións técnicas”.
PIDE “SERIEDADE”
O delegado da Xunta tamén se referiu “aos señores do Bloque“, instándoos a “decir o que queren facer”, dado que “por agora sabemos soamente o que queren desfacer”. Finalmente, pediulles a ambos partidos que sexan “serios” coas residencias, das que dependen “moitas persoas da provincia”.
PONTENOVA
Os tres xeriátricos abertos son os de Ribadeo (onde ten maioría absoluta o BNG), Trabada (onde goberna o PSOE) e Pol, onde tamén gobernan os socialistas. Na Pontenova, o proxecto aséntase nun acordo para a adquisición dos terreos e realización das obras asinado en febreiro de 2018, cunha dotación de 1,2 millóns de euros da entidade provincial.
O BIPARTITO RENUNCIA A ASUMIR OS XERIÁTRICOS
Desde o goberno bipartito mostraron a súa intención de que sexa a Xunta quen asuma as residencias, unha vez construídas, dado que é o Goberno autonómico quen ten competencias neste ámbito.
Neste sentido, a voceira socialista no goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, instou este martes á Xunta a “que se faga cargo das competencias que lle son propias”.
A ATENCIÓN A MAIORES, COMPETENCIA DA XUNTA
A deputada socialista confirmou deste xeito a postura mostrada polo outro partido que conforma o executivo provincial, o BNG, que desde un principio manifestou a súa intención de liberar ao organismo provincial de asuntos relacionados co benestar social e atención a maiores, competencias da Administración autonómica.
“Ningunha residencia acabada vai quedar coas portas pechadas“, sinalou, “pero habería que analizar cada caso de forma individual. Algunhas teñen convenio, outras protocolo e outras están pendentes de licencia urbanística por parte do Concello correspondente”, puntualizou a deputada socialista.
“Cumpriremos todos os compromisos que temos e veremos como se lle da traslado á Xunta de todo o que supón a xestión dos centros de atención a maiores”, engadiu García Porto, para concluír que “entre o BNG e o PSdeG-PSOE temos un acordo para a institución e non queremos engordalo con competencias que non nos son propias”.
OBRADOIRO DE EMPREGO
Por outra banda, Balseiro clausurou este martes, acompañado dos alcaldes, o obradoiro de emprego que compartiron os concellos de Muras, Ourol e O Vicedo e que proporcionou formación e emprego a unha vintena de persoas durante os últimos nove meses.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto de 300.000 euros nesta acción formativa, centrada nas especialidades de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais -con cinco alumnos no Vicedo e tres en Ourol- e Traballos de carpintería e moble -seis alumnos vicedenses, catro no ouroleses e dous en no concello murenses-.
No Vicedo elaboraron 148 carteis indicativos de topónimos para instalar en distintos puntos do municipio; tamén bancos de madeira, mobiliario para a oficina de turismo, estantes e expositores para a biblioteca, varias portas para edificios públicos, fiestras para o centro social de San Román, ou a maqueta dun barco -con anda e soportes- para a Romaxe Vikinga.
En Muras repararon o forxado do centro social de Balsa, elaboraron vallas para unha zona axardinada, bancos, varandas e melloraron elementos do mobiliario urbano. En Ourol reformaron o escenario do centro social de Merille, construíron dúas marquesiñas, un armario para o centro social de Bravos e fiestras para edificios públicos, ademais de reparar o mobiliario urbano.