- Advertisement -
A Xunta de Galicia respondeu este mércores ás críticas realizadas polo Concello de Barreiros, que esixiu que se cubra á pediatra do centro de saúde, de vacacións durante o mes de agosto.
“MÁIS DE 700 CRIANZAS” SEN ESPECIALISTA
A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, fixera fincapé en que se en condicións normais o servizo de pediatría, compartido con Lourenzá e Mondoñedo, atende sobre “250 nenos”, nestes meses de verán, en concreto en agosto, “por riba das 700 crianzas” poderían quedar sen recibir atención neste centro de saúde.
REFORZO A MEDIA XORNADA
Segundo expuxo o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través dun comunicado de prensa, o centro de saúde de Barreiros “ten habitualmente unha dotación de tres médicos de familia e dun pediatra, todos eles con cupos de tarxetas sanitarias por debaixo da media”. En verán, sostén o Sergas, “debido ao aumento da poboación vacacional, increméntase esta dotación co reforzo dun médico de familia a media xornada; medio día está en Barreiros e o outro medio en Ribadeo“.
“NUNCA SE CUBRIRON AS VACACIÓNS”
No referido á atención pediátrica, Barreiros conta cunha pediatra dous días á semana para atender a unha poboación “de menos de 300 nenos”, compartida con Mondoñedo (onde está outros dous días) e con Lourenzá (un día). “Nunca se cubriu a praza da pediatra durante as súas vacacións“, recoñece o Sergas, que argumenta que “os rapaces están perfectamente atendidos cos médicos de familia, totalmente capacitados para atender aos menores de 14 anos. No caso de existir algunha urxencia, a atención pediátrica estaría reforzada polos pediatras dos concellos limítrofes e tamén polo servizo de pediatría do Hospital Público da Mariña“.
“PROBLEMA EN TODA ESPAÑA”
A Xunta escúdase en que “a escaseza de pediatras é un problema común en toda España. En consecuencia existen dificultades na contratación de pediatras substitutos xa que non hai profesionais en paro nesta especialidade”, conclúe.