Máis de 2.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Burela durante o pasado mes de xullo, das que o 66% visitaban a vila por primeira vez.
Así o anunciou o concelleiro Ramiro Fernández Rey, que sinalou que o barco museo Reina del Carmen recibiu a 857 visitantes.
PROCEDENCIAS
O concelleiro de turismo explicou que, “por comunidades, Madrid é desde logo a máis destacada con 560 consultas e tamén sobresae a xente procedente da propia Galicia e de Castela-León. Tamén temos visitantes de País Vasco, Cataluña ou Extremadura“, expuxo.
No tocante aos visitantes estranxeiros, Fernández Rey indica que “tamén notamos un certo incremento, pois tivemos a 70 persoas facendo consultas que eran de fóra de España”.
BALANCE “POSITIVO”
Fernández Rey fai deste xeito “un balance positivo e esperamos que esta tendencia siga así. Burela cada ano está tendo máis visitantes e isto redunda en todo o pobo, especialmente na hostalería e no comercio, e esperamos seguir traballando e apostando polo turismo como unha fonte de riqueza e que incluso sexa posible a creación de postos de traballo a través deste sector”, aseverou.
RUTAS DA LONXA E XEOLÓXICAS
No relativo ás Rutas da Lonxa e Xeorutas, sostivo que “están funcionando de marabilla, cunha ocupación do cen por cen en todas elas”.