A asociación organizadora das Feiras e Festas das San Lucas avanzou este xoves que ten a intención de “internacionalizar” a celebración, que será “un encontro de culturas”.
O presidente do colectivo, Miguel Souto, presentou o cartel anunciador dunha nova edición das feiras máis antigas de Galicia, que terá lugar entre os días 17 e 20 de outubro desde 2019.
A asociación, coa colaboración da veciñanza e das administracións, está a perfilar unha programación que ten como obxectivo “internacionalizar as nosas festas”.
Souto afirma que o cartel, obra do artista mindoniense e Fillo Predilecto do municipio, Xosé Vizoso, “representa moi ben o programa que queremos facer nesta edición. É sabido que As San Lucas teñen a súa orixe no mundo do cabalo e que se desenvolveron co transcorrer dos anos arredor dun amplo programa de actividades, musicais e festivas, culturais e literarias. As feiras fan de Mondoñedo un lugar de encontro de culturas e este ano será así aínda máis”, adianta.
A CAPA, OUTRA “OBRA DE ARTE”
O presidente do colectivo agradece “a implicación” do mestre, que elaborou “unha nova obra de arte”. O cartel deste 2019 representa a entrada dos cabalos na Praza da Catedral, un dos momentos centrais dos festexos, e músicos tocando diferentes instrumentos sobre a balaustrada do monumento, “moitos deles dos usados na interpretación da música celta como son a gaita, a arpa ou o violín”.
DESDE O 1.156
As San Lucas celébranse anualmente desde o 1.156, polo que este ano cumpren a súa 863 edición, nun evento que une, sostén Souto, “feira, historia, cultura e tradición”.