O Concello de Viveiro abriu no que vai de ano sete expedientes sancionadores a establecementos hosteleiros que se exceden en horarios e ruídos. “Algunhas xa se revolveron con multas, que empezan a chegar, e outros están en curso”, detallou a alcaldesa María Loureiro que sinalou que a gran maioría do sector “cumpre coas normas”.
A rexedora reiterou o interese do goberno local en resolver os problemas de convivencia que a Asociación de Veciños do Casco Antigo expuxo o pasado mércores nunha reunión en que tamén participaron o presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo e os mandos da Policía Local e Nacional de Viveiro.
O COLECTIVO VECIÑAL PROPÓN UNHA NOVA ORDENANZA
Os representantes do colectivo veciñal propuxeron a elaboración dunha nova ordenanza que, ademais de regular os horarios e os niveis sonoros, prohiba aos clientes dos establecementos saír coa bebida fóra dos locais e regule o consumo de alcol nas rúas -aspectos que non concreta a Ordenanza Municipal de Policia e Buen Gobierno agora vixente-. A veciñanza quéixase de que estas situacións desencadean “accións de vandalismo: desde berros e lanzamento de petardos ata golpes en fiestras e portas”.
“A que temos é unha normativa xenérica e antiga”, admitiu a rexedora que valora a proposta dos veciños. “É primordial a implicación conxunta para que se dea solución a esta problemática de convivencia sen que ninguén saía prexudicado”, concluíu Loureiro.
FESTAS PATRONAIS
O Concello de Viveiro informou de que “está a realizar xestións ante Portos de Galicia” para instalar atraccións na zona da casa do guardamuelles durante as festas patronais, do 11 ao 19 de agosto. A ubicación de carruseis e colchonetas no porto precisa autorización do ente autonómico.