Mercado Medieval de Mondoñedo, Maruxaina e San Lourenzo de Foz congregaron a multitudes na Mariña Lucense na segunda fin de semana de agosto.
UN PASEO POLO MEDIEVO
O mercado mindoniense, con 150 postos e máis de 80 actividades para todos os gustos e idades, demostrou un ano máis -van 28 edicións- o seu poder de convocatoria.
A festa, de Interese Turístico Galego, converteu durante tres días o casco histórico da cidade episcopal na capital da Galicia medieval, con recreacións históricas, torneos, espectáculos musicais e degustacións gastronómicas.
Este ano, a tradición xuntouse coa modernidade e Mondoñedo foi protagonista en internet, onde decenas de usuarios compartiron os mellores momentos da feira a través da etiqueta #MondoñedoMedieval.
SAN LOURENZO
Foz honrou un verán máis o seu patrón, o San Lourenzo, nunhas festas patronais que congregaron a milleiros de persoas, focegos, mariñaos e tamén turistas. Os fogos artificiais do día grande fixeron de novo as delicias de grandes e pequenos, converténdose nun dos momentos favoritos dos festexos. A misa, coa procesión, e a carreira Run Foz Run foron outros dos alicientes da fin de semana.
ENFEITIZADOS POLA LENDA
O pasado sábado, San Cibrao someteu de novo a xuízo á ninfa Maruxaina, que como cada ano desatou a polémica entre a veciñanza. Uns acusárona de botar a perder a pesca e de enfeitizar aos mariñeiros para que os barcos encallen. Outros defendérona asegurando que orienta ás tripulacións e as avisa de posibles treboadas.
Finalmente, a serea resultou inocente, o que garante que o ano que vén haberá outra edición da festa. Carros cheos de comida e de bebida cos máis orixinais deseños, os xogos maruxainos, a escenificación ou a queimada satisfixeron as expectativas dos máis festeiros.