O Concello do Valadouro enviou un escrito á Xunta de Galicia no que demanda o “arranxo urxente” da estrada LU-163. Este vial transcorre polo casco urbano de Ferreira en dirección a Cangas de Foz.
No documento enviado á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o goberno local explica que “a estrada atopase moi deteriorada, principalmente no inicio, é dicir, ao seu paso polo casco urbano, dando unha imaxe impropia da vila”, expón o alcalde, o socialista Edmundo Maseda.
“SEN INVESTIMENTOS” DA XUNTA
O rexedor lamenta “a escasa implicación do Goberno autonómico de Alberto Núñez Feijóo na Mariña Lucense, concretamente no Valadouro onde os investimentos do Partido Popular (PP) brillan pola súa ausencia. Aquí só veñen a pasear e a sacar fotos, e por suposto, a torpedear todos os proxectos de futuro deste Concello como por exemplo a creación do parque empresarial”.
“Queremos vivir e traballar no rural, por iso demandamos boas vías de comunicación. A veciñanza do Valadouro teñen dereito a investimentos e a proxectos que contribúan a facer medrar o noso Concello”, concluíu Maseda.