A vicesecretaria do PSOE e voceira no Congreso dos Deputados, a asturiana Adriana Lastra, mostrouse partidaria da oficialidade da lingua asturiana e do galego-asturiano. “Ou se declara oficial ou a llingua desaparece”, alertou.
“É unha cuestión de responsabilidade”, afirmou a número 2 do PSOE nunha entrevista publicada o pasado domingo polo diario asturiano La Nueva España.
Lastra lembrou “a obriga” de protexer o patrimonio lingüístico e alineouse coa enmenda á ponencia marco aprobada polo último Congreso da Federación Socialista Asturiana (FSA)-PSOE. Os delegados posicionáronse a favor, en outono de 2017, de defender que o asturiano -e no seu ámbito, o galego-asturiano- sexa lingua oficial en Asturias no intre no que se produza unha reforma do Estatuto de Autonomía.
VOTOU EN CONTRA EN NOVEMBRO
O PSOE, xunto con PP, Ciudadanos e Foro, votou en contra da cooficialidade dos dous idiomas no pasado mes de novembro, cando Podemos e Izquierda Unida tentaron promover unha reforma do estatuto. A mencionada enmenda quedou así posposta para a seguinte lexislatura.