EFE. Vinte produtos gastronómicos da provincia de Lugo estarán presentes na Vuelta Ciclista a España por oitavo ano consecutivo, grazas a unha colaboración entre a Xunta de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da Hostelería de Lugo (Apehl) e a empresa organizadora do evento, Unipublic.
En concreto, os distintivos e marcas que se promocionarán “mundialmente” a partir deste sábado serán o bonito de Burela (de Armadores de Burela, S. A., Absa), o leite ‘Galega 100%’, as galletas Daveiga, o pan de Lugo (Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo, Afapan) e as razas porco celta (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta, Asoporcel), galiña de Mos (Asociación de Avicultores de Raza-Galiña de Mos) e cordeiro de raza galega (Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega, Asovega), ademais de varias Indicación Xeográficas Protexidas e Denominacións de Orixe.
Entre estas últimas, repiten no evento deportivo os queixos de tetilla, Arzúa-Ulloa, ou Cebreiro e San Simón da Costa, ademais dos viños de Ribeira Sacra e o aceite de Quiroga.
Con respecto a indicacións xeográficas protexidas, tamén volven á cita ciclista os Pementos de Mougán, Fabas de Lourenzá, Grelos de Galicia, Mel de Galicia, Pataca de Galicia e, conxuntamente, Tenreira Galega e a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga).
OS COCIÑEIROS ELABORARÁN RECEITAS NA ETAPA 16
O presidente de Apehl, Cheché Real, quixo destacar así mesmo que varios representantes da Asociación de Cociñeiros da Mariña elaborarán diferentes pratos cos produtos promocionados, unha iniciativa que se repetirá por segundo ano consecutivo.
“Estarán na etapa 16, que se inicia na localidade asturiana de Pravia, e tamén nalgunha máis”, puntualizou Real.
“SORPRENDE QUE LUGO TEÑA MAR”
O máximo representante dos hosteleros lucenses tamén sinalou que a promoción turística que se fai durante A Volta vai “máis aló dos propios produtos. A xente achégase e sorpréndese, por exemplo, de que en Lugo teñamos mar“, destacou Real.