As obras da nova canceira de Foz “rematada antes de finais de ano”. O alcalde, Fran Cajoto, marcou o prazo este xoves tras visitar os terreos onde, “en breve”, empezará a construírse a instalación, en Vilaronte.
O refuxio en proxecto tratará de aliviar a situación coa que se atopa o voluntariado da Asociación Asistencial Protectora de Animais de Foz, “superada” polo número de mascotas abandonadas.
As instalacións coas que contan actualmente no porto só teñen seis canís e non están acondicionadas para albergar gatos. “Podemos recollelos grazas a axuda de persoas que os coidan nas súas casas, temporalmente”, apunta a presidenta da protectora Victoria Blanco.
A PROTECTORA ATENDE MÁIS DE 60 ANIMAIS
A día de hoxe, a asociación, que funciona grazas ao traballo voluntario dos seus membros, faise cargo dunha vintena de cans e corenta e cinco gatos.
“Incluso a nova canceira sería insuficiente“, sinala Blanco. As dificultades aumentan no verán porque se producen máis abandonos de animais. No caso dos gatos, deixanse á súa sorte camadas enteiras, o que multiplica a necesidade de espazo e recursos.
ACOLLEMENTOS TEMPORAIS
As carencias non son novas para a protectora que, desde 2013, ven reclamando unhas instalacións máis amplas para desenvolver a súa labor. Atenden os avisos de persoas que encontran animais abandonados. “Se están identificados devolvémolos os seus donos, se non facémonos cargo deles”, explican.
A problemática non distingue entre razas ou tamaños. “Quen ten intención de abandonar un animal, faino”, lamenta a presidente da protectora, que emprega activamente as redes sociais para atopar persoas que adopten.
NOVAS INSTALACIÓNS
A construción da nova canceira, con capacidade para corenta animais, contará cunha planta de 285 metros cadrados. A edificación será unha nave con estrutura metálica cuberta e inclinada a dúas augas, con zonas cubertas nas dúas direccións.
Disporá de zona de espera, oficina, aseo con ducha e zona de baño de animais, sala de curas e sala para pequenas intervencións. Ademais, contará cunha zona exterior para os animais onde se situará tamén un almacén de alimentos.
As obras, adxudicadas a Construcciones Naray, levaranse a cabo con fondos da Deputacion e do Concello que asinaron un convenio de colaboración o pasado novembro. Daquela anunciarase que a instalación podería estar lista na primavera.