O BNG propón reducir a velocidade no conxunto histórico-artístico de Sargadelos

Os nacionalistas propoñen medidas para mellorar a seguridade e poñer en valor a zona, entre elas aparcadoiros, o reforzo de estruturas ou paneis explicativos do pasado industrial

Xornada festiva en Sargadelos. AXM

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Cervo rexistrou no Concello unha proposta con varias medidas para mellorar a seguridade no conxunto histórico-artístico de Sargadelos e tamén para poñer en valor o espazo, entre elas reducir a velocidade do tráfico mediante pasos elevados ou o reforzo de estruturas en deterioro. 

A formación frontista considera que “é preciso actuar en primeiro lugar na seguridade viaria” para o que propón “reducir a velocidade de paso dos vehículos por esa zona e organizar as zonas de aparcamento para evitar que os coches se apropien do espazo natural”.

Os nacionalistas tamén cren que, “tendo en conta que son moitas as familias que utilizan esta zona como área de recreo infantil, é preciso tomar as medidas axeitadas para evitar riscos. Deste xeito, reclaman “a reparación de todas as estruturas de madeira que se atopan nun lamentable estado de deterioro”. Tamén propoñen “regular o acceso a determinadas zonas que son potencialmente perigosas, como teitos ou o interior de edificacións semirestauradas”, explica o voceiro da formación, Diego Fernández.

SINALIZACIÓN

En terceiro lugar, o BNG cervense solicita a sinalización das distintas estruturas que conforman o conxunto histórico-artístico e a instalación de paneis explicativos da importancia histórica do pasado industrial da zona.

RECOLLIDA DE LIXO

Tamén é preciso mellorar o mantemento do Conxunto con labores periódicas de restauración e mantemento, así como a imaxe do entorno aumentando a periodicidade da recollida de contedores de lixo e sobre todo os selectivos, que gran parte deste verán apareceron desbordados de vidro e cartón”, engade o partido nacionalista.

“REFERENTE CULTURAL”

Fernández valora as iniciativas comerciais instaladas nas carboeiras e cabalarizas, “interesantes e enriquecedoras e que tan boa acollida están a ter”, pero espera que o denominado centro de emprendemento e artesanía non quede “baleiro de contido” e como “un artefacto propagandístico” sen “converter Sargadelos no referente cultural que o concello necesita”.

Así, reclama o coidado deste “tesouro patrimonial que temos, que é un dos destinos obrigados para todas as persoas que visitan a nosa comarca, incrementando a seguridade, para que as crianzas xoguen sen poñer en perigo a súa integridade física e inculcando, mediante o coñecemento da súa relevancia histórica, o respecto e coidado que precisa un lugar tan valioso”, conclúe. 

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here