As parroquias de Rúa, en Cervo, e Bravos, en Ourol, reivindicarán o oficio tradicional da malla.
A asociación cultural Aturuxeiros de Bravos organiza a terceira edición da Malla Tradicional no Rego da Ponte, o vindeiro 31 de agosto. Na cita incluirase a primeira ruta cabalar, que comezará ás 10.30 horas. Ás 12.30 está prevista a recreación do oficio antigo.
Ao final da malla haberá un xantar popular cun menú a 21 euros, e outras opcións -bocatas e hamburguesas- para quenes prefiran acollerse a outra alternativa. Pola tarde disporanse xogos populares e sorteos.
EN RÚA ANIMAN A IR CON VESTIMENTA DE ÉPOCA
En Rúa, a Festa da Malla será xa en setembro, o sábado 7. Organiza o evento a Asociación de Veciños de Rúa Candelaria, coa colaboración do Concello de Cervo.
A cita foi presentada polo alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, o edil de turismo, David Rodríguez, e por varios membros do colectivo organizador. A agrupación anima aos asistentes a ir vestidos de época para ambientar a festa.
A Festa comezará ás 10.00 horas con paseos a cabalo e unha ruta de sendeirismo. O Grupo Vivarium será o encargado da sesión vermú. Ás 14.00 horas haberá un xantar a cargo de Chao de Brea que será de balde para os nenos de ata 5 anos. O prezo para pequenos de cinco a dez anos será de dez euros, e de 20 para os maiores desa idade.
Pola tarde, ás 17.00 horas, os xogos populares serán o aperitivo da malla, prevista para as 18.30 horas. Ao remate venderanse racións de empanada e bolos preñados. Vivarium animará a verbena desde as dez da noite.
INSCRICIÓNS
As persoas interesadas en asistir ao xantar teñen que anotarse antes do día 31 de agosto nos teléfonos 609.672.202 ou 635.815.591.