O Partido Popular (PP) levará ao pleno do vindeiro mes de setembro unha moción para instar á Xunta de Galicia a acometer unha remodelación integral do edificio de Bacharelato do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz.
O grupo municipal conservador, que encabeza Javier Castiñeira, mantivo o pasado mércores unha reunión co director do IES, Nicolás Asensio.
“Este edificio ten xa máis de 40 anos e precisa de obras de illamento térmico, impermeabilización, cambios na carpintería exterior e melloras para o fomento do aforro enerxético na fachada, ademais de obras no interior como a reposición dos baños e a adaptación de novos espazos”, expón o voceiro do PP focego, quen con todo matiza que son os técnicos de Educación quenes deben valorar as necesidades coa directiva do centro.
Castiñeira asegura que deu a coñecer ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, estas deficiencias. Segundo expuxo, o Goberno autonómico comprometeuse a valorar o investimento necesario e as posibilidades de financiamento.
SALÓN DE ACTOS E CAFETERÍA
Castiñeira asegurou tamén que “nas próximas datas” iniciaranse as obras de ampliación do salón de actos e de mellora da cafetería e comedor profesionais, por importe de 300.000 euros, “coa idea de seguir reforzando e fomentando a actividade educativa e didáctica da rama de Hostalería do centro focego”.