No pasado mes de marzo, Concello de Viveiro, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia informaron dun acordo institucional a tres bandas para que o municipio acollese a residencia da Asociación de Pais e Persoas Con Discapacidade Intelectual (Aspanane), a primeira da Mariña Lucense das súas características.
Segundo o pacto, o centro ubicaríase onde actualmente ten a súa sede a Escola Oficial de Idiomas (EOI) Luz Pozo Garza, que pasaría ao antigo colexio de Celeiro, que trala súa substitución pola nova escola exerceu durante anos como almacén para asociacións e que actualmente está en desuso.
ACORDO A TRES BANDAS POR 525.000 EUROS
Para a rehabilitación do antigo colexio precísase un orzamento de 525.000 euros, que as tres administracións se comprometeron a financiar a partes iguais, isto é, con 175.000 euros de investimento por parte do Concello e outros tantos pola banda da Deputación e a Xunta.
Segundo informou o goberno local, a posta en marcha do pacto está pendente dun trámite, a cesión do inmoble por parte do Instituto Social da Mariña (ISM), titular do antigo centro educativo, á Consellería de Educación. En principio, a Subdelegación de Goberno chegara a un acordo coa institución para formalizar un convenio co Concello, pero deberá ser a Xunta a beneficiaria da edificación xa que dela depende a EOI.
A alcaldesa, a socialista María Loureiro, sinala que o Concello fixo o requerimento da cesión “no mes de marzo” e asegura que o procedemento “está en marcha”, aínda que finalmente o goberno local non será o beneficiario da doazón, senón a Xunta. “Chamáronnos desde Madrid para avisar de que o convenio será con Educación, porque será alí onde se trasladará a EOI”, indica.
Loureiro admite o “atraso de meses” na tramitación, pero matiza que “sabemos cal é a situación política actual, cun Goberno en funcións, que ralentiza determinados temas”. A rexedora destaca que “todo está en marcha” tras un acordo institucional, “liderado por Aspanane e o Concello de Viveiro”, que tivo “o respaldo dos voceiros das forzas políticas da corporación viveirense, aos que se involucrou neste proxecto”.
MOCIÓN DO PP
A rexedora respondeu así ao Partido Popular (PP), que presentou unha moción para debater no vindeiro pleno, do 4 de setembro, para instar ao goberno a “retomar” as xestións para levar a cabo o proxecto.
OS POPULARES PRESENTARON UNHA MOCIÓN PARA QUE O CONCELLO “RETOME” AS XESTIÓNS
SERVIZO ÚNICO NA MARIÑA LUCENSE
Salientan os populares que se a residencia “é un servizo moi demandado porque non existen instalacións na comarca dirixidas ao coidado de persoas con capacidades diferentes, que se ven obrigadas a empregar outros centros fóra da Mariña Lucense”.
As melloras contempladas na antiga escola son de illamento térmico e acústico, impermeabilización, división de espazos, acabados e instalacións, así como as adaptacións necesarias para o seu uso por persoas de mobilidade reducida.
SON VIVEIRO PIDE AO CONCELLO SINALIZAR E “DAR USOS” A UNHA FINCA DE TITULARIDADE MUNICIPAL NA ZONA DA MISERICORDIA
INICIATIVA DE SON VIVEIRO
Na sesión plenaria tamén se debaterá Son Viveiro para instar ao goberno local a que abra un espazo público situado entre o remate da Ponte da Misericordia e fronte ao Pazo do mesmo nome. Trátase dunha zona de titularidade municipal “que se atopa en perfecto estado” e que pode “ser destinada a numerosos usos”.
O grupo de esquerda solicita que se retire a rampla de acceso á beirarrúa e que se sinalice o caracter público da parcela, que está “infrautilizada”, sinala o voceiro de Son Viveiro, Luis Manuel García Otero.