Portos permitirá aparcar de día na extensión do peirao deportivo de Viveiro

A petición do Concello, o aparcadoiro estará habilitado ata o 31 de agosto, ao igual que o do Casino, aberto as 24 horas

Porto deportivo viveirense. TURISMO DE GALICIA

A habilitación das extensións do porto deportivo de Viveiro e máis do Casino como aparcadoiros públicos de verán aliviarán as dificultades para atopar praza nunha cidade que na época estival dobra a súa poboación e chega a quintuplicala nos días nos que se celebra o Resurrection Fest.

Portos de Galicia accedeu á petición do Concello e permitirá o aparcamento na extensión do Casino de Viveiro ata o 31 de agosto, durante as 24 horas do día.

No caso da extensión do porto deportivo, o ente autonómico só permitirá o estacionamento de día. O horario de apertura, tamén ata o último día de agosto, será neste caso de 9.00 a 23.00 horas. O aparcadoiro quedará pechado en horario nocturno, segundo alega o organismo dependente da Xunta, por motivos de seguridade.

O espazo habilitado para aparcadoiro comprende a zona situada xunto ao murete de delimitación portuaria, quedando prohibido o estacionamento xunto ao cantil do peirao e no acceso ás instalacións do Servizo Marítimo da Garda Civil.

AMPLIAR HORARIO

Portos de Galicia si que baralla ampliar o horario deste servizo ás 24 horas en datas de gran afluencia de visitantes ao municipio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here