Galicia lidera a silvicultura en España, cunha superficie forestal de dous millóns de hectáreas e un volume total de madeira que rolda os 192 millóns de metros cúbicos, segundo datos facilitados este venres polo conselleiro de Medio Rural, José González, no transcurso dunha visita á Sociedade Agraria de Transformación do municipio de Trabada.
“A produción de madeira é a principal achega económica do subsector forestal, seguido pola fabricación de mobles e de papel”, incidiu González.
Na mesma liña, lembrou que o sector conta na actualidade con 600 empresas industriais e comercializadoras, ademais de 2.400 autónomos, de modo que xera ao redor de 70.000 empregos, entre directos e indirectos.
Tamén sinalou que máis de 600.000 galegos son propietarios forestais ou comuneiros de montes veciñais en man común, unhas cifras que evidencian o peso deste sector na economía galega, dado que “producimos máis da metade da madeira nacional, sendo nosa industria líder en exportación a nivel estatal”.
A SOCIEDADE AGRARIA TRABADENSE, PIONEIRA
Nese sentido, quixo destacar que “máis de 80.000 propietarios forestais teñen ingresos anuais polas curtas de madeira en Galicia”, de modo que ao redor do 12% das familias galegas “perciben ingresos por valor duns 300 millóns de euros”.
Por iso, na Sociedade Agraria de Transformación de Trabada, que foi a primeira concentración privada de montes de Galicia, insistiu na necesidade de “impulsar unha xestión forestal sostIble, tanto desde o punto de vista económico como ambiental”.
A ALCALDESA RECLAMA QUE SE RETOMEN AS PARCELARIAS
Na reunión tamén participaron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chaín, e a alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez.
Durante a visita, García solicitoulle ao Conselleiro de Medio Rural colaboración para realizar varios “proxectos pendentes” e novas iniciativas de dotacións e mellora de infraestruturas e servizos “que aumenten a calidade de vida e o benestar da veciñanza de Trabada”.
Por unha banda, reivindicou a necesidade de levar a cabo as concentracións parcelarias naquelas parroquias nas que a día de hoxe o terreo está sin agrupar, “xa que con estes procesos acádase unha ordenación da superficie agraria que ademais de permitir un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona, aumenta a produtividade e o rendemento económico para os propietarios”, sinalou.
Por outra banda, a rexedora solicitou novamente a cesión en propiedade dun vehículo motobomba para a extinción de incendios forestais.