Cervo espera abrir nun mes a vía Galdín-A Veiga, que aliviará o tráfico pesado en San Cibrao

Dúas glorietas, unha preto do colexio e outra fronte ao centro de saúde, reducirán a velocidade "e aumentarán a seguridade" nunha estrada ofrecerá unha alternativa para ir ao polígono

Visita do equipo de goberno ás obras. AXM

O Concello de Cervo anunciou este venres que a obra da nova vía ubicada entre a Avenida Bellavista e a Avenida da Veiga “está practicamente rematada” e poderá “estar operativa” no prazo dun mes.

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, acompañado da tenente de alcalde, Dolores García Caramés, e do edil de Protección Civil, Alfredo Fernández, achegouse ata a zona de Galdín para supervisar as obras da nova estrada, “na que se están a ultimar detalles para poder abrila, de xeito inminente, ao tráfico rodado e peonil”.

Villares explicou que nestes intres falta o pintado, os acabados e a construción das dúas glorietas proxectadas -unha fronte ao centro de saúde e outra na zona do colexio– que servirán de enlace coas vías que son titularidade da Deputación, e que tamén contribuirán “a reducir a velocidade nestes tramos, reforzando así a súa seguridade”.

A nova rúa ten unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de doce que favorecerá o dobre sentido da circulación, ademais tamén disporá dunha zona importante de aparcadoiros e de beirarrúas a ámbolos dous lados da calzada.

INVESTIMENTO DE MÁIS DE 600.000 EUROS

O investimento da Xunta de Galicia supera os 600.000 euros, unha achega que o alcalde agradeceu, xa que “nos permitiu executar unha arteria de comunicación funcional, que dará moito servizo aos vehículos que circulen por San Cibrao”, esgrimiu.

O rexedor argumentou que se trata dunha infraestrutura “fundamental” para San Cibrao “que nos permitirá aliviar o tráfico do centro da vila ao tempo que tamén pode ser unha solución provisional para os vehículos pesados do polígono de Cuíña”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here