A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do Ceip de Cervo emitiu este venres un comunicado no que dubida de que o estado das instalacións, en proceso de reforma, “sexa o máis axeitado” para que os nenos “pasen nel” o inicio do curso 2019-2020, o vindeiro mércores, 11 de setembro. A Xunta de Galicia ordenou ao profesorado do centro educativo que se abra o exercicio na data prevista, ao igual ca no Ceip nº 1 de Foz e no colexio Virxe do Carme de Burela, que tamén están en obras de rehabilitación.
A agrupación cervense asegura que “o máis preocupante” do estado do centro “é o estado da cociña, sen ventás”. O colectivo expón que “a despensa está baleira e ata mércores non se poderá traer nada; a entrada da estancia independente, polo lateral esquerdo do colexio, está inhabilitada”, explica.
BAÑOS “SÓ OPERATIVOS” EN INFANTIL E NO COMEDOR
No tocante aos baños, a Anpa sinala que “os que están operativos son os do interior de dúas aulas de infantil -de tres a cinco anos- e os da zona do comedor, do patio interior, pois o resto non se pode usar“.
Parte do patio interior, en concreto a zona de xogos, “tampouco poderá ser utilizada”, indica. A agrupación agarda que o claustro de infantil “sexa protexido con vallas para que os nenos non poidan saír ás zonas restrinxidas da parte posterior”.
A asociación de nais e pais sostén que “desde a Xunta comprometéronse a enviar un grupo de persoas en colaboración co Concello de Cervo para entre luns e martes deixar todo limpo mentres seguen o resto das obras, na cuberta, revestimento exterior, instalación eléctrica ou auga“.
RESTRICCIÓNS AO TRÁNSITO, POR APROBAR
No mesmo comunicado, o colectivo indica que “para o mesmo luns está por aprobar un anexo ao plan de seguridade, no que se restrinxen varias zonas de tránsito, polo que o acceso ao colexio será unicamente pola porta principal, nin polos laterais nin pola parte posterior”. No relativo ao pavillón, “accederase unicamente pola porta máis preto á entrada principal”.
“Sen ánimo de alarmar, só de informar”, a Anpa conclúe o seu comunicado “deixando ao criterio de cada familia” a valoración da situación.
O claustro do colexio, que está a traballar no IES Monte Castelo, non se pronunciou oficialmente, aínda que profesores amosaron a súa “preocupación” pola situación do centro, pois unha vez queden habilitadas as aulas queda “moitísimo traballo” tanto de limpeza como de preparación de material“.
A XUNTA MANTÉN A SÚA POSTURA
O pasado mércores, despois de que o BNG puxese en dúbida que o Ceip nº 1 de Foz estivese listo para o día 11, a Xunta emitiu un comunicado no que asegurou que as obras “non interferirán en ningún caso na actividade ordinaria da apertura do curso” dos tres colexios da Mariña Lucense onde hai reformas de calado.
Este mesmo venres, o Executivo autonómico enviou un documento no que resume o estado das obras en cada centro educativo, no que asegura que as rehabilitacións nos colexios de Cervo e Foz estarán “listas no interior para o inicio das clases“, pero no que admite que as actuacións no exterior non acabarán “ata setembro ou outubro“. En Burela, a reforma si estará rematada.
CASE UN MES DE DIFERENZA NO INICIO DAS OBRAS
A diferenza é que no colexio burelao coñecido popularmente como Os Castros as obras comezaron o 22 de xuño, mentres que en Cervo e en Foz fixérono case un mes despois; no centro focego, iniciáronse o 17 de xullo; no cervense, o 22 dese mesmo mes. Non se trata dunha cuestión menor, dado que os proxectos, todos de envergadura, contan cun prazo de tres meses de execución.
En Cervo, o investimento é de máis de 940.000 euros, pois o proxecto inclúe a instalación dunha nova caldeira de biomasa e o illamento da cuberta e da fachada do edificio. Ademais, renovaranse as fiestras e as luminarias. En Foz, tamén se realizaran melloras na fachada e na cuberta e renovaranse as fiestras e luminarias. Ademais, habilitarase un patio cuberto, instalarase un ascensor e contruirase un sistema de ramplas que facilitarán a accesibilidade ao centro. O investimento orzamentado é de 914.000 euros.
BURELA E FOZ, “SEN DÚBIDAS” PARA O INICIO
En Burela, onde a comunidade educativa protestou o pasado ano polo deterioro do centro, con filtracións de auga e mesmo coa presenza dun insecto devorador da couza que picou a varios profesores, o presuposto é de 860.000 euros. O proxecto inclúe obras de illamento térmico e substitución de fiestras, así como do sistema de iluminación, e afecta aos tres edificios do centro.
Desde a directiva do Ceip nº 1 de Foz, que se reúne na escola de música focega, explican que malia que semanas atrás “había dúbidas, contamos comezar o día 11, igual ca o resto dos colexios”, e aseguran que “luns e martes, con axuda que se nos preste da empresa e o Concello, prepararemos as aulas para que as crianzas teñan todo disposto”. No tocante ás obras pendentes no inicio do curso, a dirección ten o compromiso da Xunta e da empresa de que se farán “fóra do horario escolar se queda algo no interior” e “co illamento necesario no exterior”.
En Burela, tamén, “salvo percance de última hora”, o inicio do curso darase con normalidade. O claustro, de feito, leva días traballando nos edificios do centro educativo burelao.
3.587 ESCOLARES DA MARIÑA, CHAMADOS A EMPEZAR
Un total de 3.587 escolares da Mariña Lucense, segundo datos da Xunta, están chamados a comezar o curso o vindeiro mércores.
Deles, 1.133 cursarán educación infantil, nos municipios da Pontenova (29), Alfoz (13), Barreiros (40), Burela (194), Cervo (96), Foz (152 en centros públicos e 133 nos concertados), Lourenzá (48), Mondoñedo (65), O Vicedo (19), Ribadeo (110 no ensino público, 96 no concertado), Riotorto (12), Trabada (sete), Viveiro (285 en centros públicos, 47 no ensino privado) e Xove (63). Cinco cursarán educación especial.
Outros 2.449 cursarán educación primaria. Son 43 na Pontenova; 28 en Alfoz; 92 en Barreiros; 431 en Burela; 170 en Cervo; 335 en Foz; 78 en Lourenzá; 120 en Mondoñedo; 48 no Vicedo; 274 en Ribadeo; 31 en Riotorto; 26 en Trabada; 652 en Viveiro e 121 en Xove.