Uns vinte axentes de viaxes rusos coñecerán este luns A Mariña Lucense

O Concello de Viveiro organizou un acto de recibimento no Souto da Retorta, e tamén visitarán Ribadeo ou Cervo

Avó de Chavín, un dos eucaliptos meirandes de Europa, no Souto da Retorta. AXM

Un grupo de axentes de viaxes do operador turístico ruso Vremia Tours teñen esta semana a oportunidade de coñecer parte da oferta e os recursos turísticos de Galicia, entre eles A Mariña Lucense.

A viaxe está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para que o touroperador promova nos seus países de orixe os valores turísticos galegos.

Son preto de 20 persoas as que participarán nesta visita cun dos operadores máis importantes do mercado ruso. O percorrido permitirá o coñecemento da meirande parte do litoral galego, así como a enogastronomía e bens que xa están declarados Patrimonio Mundial ou que aspiran a selo, con paseos en catamarán e visitas a varios mosteiros da Ribeira Sacra ou un percorrido polas illas Cíes en Vigo.

Esta viaxe de familiarización organizada en colaboración coa Oficina Española de Turismo en Moscova deu comezo o pasado venres con visita á cidade da Coruña, con percorrido panorámico por un dos paseos marítimos máis largos de Europa e visita á Torre de Hércules. Os participantes visitaron o sábado Santiago de Compostela onde tamén puideron coñecer os Entroidos galegos, un dos recursos etnográficos máis diferenciadores da comunidade.

PARADA NAS CATEDRAIS

Nos vindeiros días, o grupo de turoperadores coñecerán a cidade de Lugo co seu monumento característico, a muralla; o luns desprazaranse ata a Mariña lucense para coñecer a praia das Catedrais ou concellos como Ribadeo, Viveiro ou Cervo. Na localidade viveirense, o Concello disporá unha visita guiada a lugares emblemáticos como o Souto da Retorta, onde os axentes serán recibidos por unha formación de música tradicional galega.

Tamén se pretende promover o turismo de natureza entre o mercado ruso, polo que a viaxe incluirá unha visita guiada ao Parque Natural das Fragas do Eume.

O Grove, a Illa da Toxa, Combarro, Allariz, Pontevedra ou Ourense, onde se incluirá unha xornada de descanso termal, serán outras das paradas programadas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here