O Concello de Barreiros iniciou os trámites para que o municipio acolla o segundo punto de recarga para coches eléctricos da Mariña Lucense.
Así o anunciaron a alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, e o concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, que acompañaron aos técnicos da comercializadora EDP Enerxía na visita que realizaron a Barreiros para valorar a ubicación proposta polo goberno municipal para a colocación dun punto de recarga para vehículos eléctricos.
Tal e como expuxo La Voz de Galicia, a única posibilidade para repostar que ofrece por agora A Mariña Lucense aos usuarios de coches eléctricos é Ribadeo. O punto de recarga atópase no aparcadoiro dun supermercado.
PODERÍA ESTAR OPERATIVA A FINAIS DE ANO
O Concello prevé asinar un convenio de colaboración coa sociedade polo que cederá un espazo para a colocación do punto de recarga para vehículos eléctricos, “unha vez se realicen os trámites técnicos e administrativos necesarios“, expón Ratoeira.
A ubicación proposta polo executivo local, que requerirá dunha autorización da subministradora, Viesgo, no relativo á capacidade da rede para abastecer este punto, é nos arredores do teleclub, no centro da capital municipal. Segundo as previsións do Concello, a instalación podería estar operativa a finais de ano de non retrasarse os trámites necesarios.
Segundo explica o executivo municipal, EDP “vén desenvolvendo un plan de colocación de puntos de recarga de vehículos eléctricos por todo o norte cantábrico e mostrou o seu interese en Barreiros, pola boa comunicación do municipio en materia de infraestruturas e como porta de entrada a Galicia“.
ESTÍMULO “MEDIOAMBIENTAL” E “TURÍSTICO”
O concelleiro de medio ambiente asegura que “o feito de que Barreiros poida contar con un punto de recarga para vehículos eléctricos é unha moi boa nova a nivel medioambiental, pola incidencia cada vez maior deste tipo de vehículos para a redución de emisión de substancias ao medio”.
Para Ratoeira, trátase tamén dun estímulo “a nivel turístico, xa que nos permitirá situar Barreiros como punto de referencia para persoas usuarias de vehículos eléctricos, cada vez máis en uso, especialmente en cidadáns de estados como Alemaña ou o Reino Unido”.
Desde o goberno municipal destacan que “a aposta do Concello é por poñer en valor enerxías alternativas, respectuosas co medio e ubicar Barreiros como referente de respecto ao medio ambiente”.