IniciosociedadeO CEIP nº 1 de Foz comezará o curso sen dispoñer do...

O CEIP nº 1 de Foz comezará o curso sen dispoñer do edificio vello “ata luns” polas obras

Todo o alumnado ubicarase no inmoble novo e tampouco estarán operativos o patio infantil, o pavillón nin o parque cuberto, o que obrigará a facer quendas para os recreos

Publicada o

- Advertisement -

Segundo confirmaron a Asociación de Nais e Pais (Anpa) e malia dirección do centro, o curso 2019-2020 comezará no CEIP nº 1 de Foz sen incidencias, malia que as obras de reforma que se están a executar no colexio só permitirán dispoñer dun dos dous edificios do centro educativo, o máis novo e denominado número 2.

Nunha xuntanza celebrada na tarde deste luns, o profesorado explicou ás familias a situación. No edificio 1, que dá á rúa Salvador de Madariaga, están tres aulas de infantil, as clases de primeiro e segundo de primaria e as de plástica e inglés. No inmoble anexo está o ximnasio.

Segundo precisan desde a directiva do colexio, nesta edificación hai obras por facer, como a instalación de baños nas aulas de infantil, que a Xunta de Galicia non prevé rematar para o mércores, aínda que “si para o vindeiro luns“.

TODO O ALUMNADO, NO EDIFICIO 2

A dirección do centro expón que no edificio 2, onde están os despachos, a dirección e sala de profesores, a biblioteca, o comedor e as aulas de terceiro de primaria a sexto, poderase ubicar a “todo o alumnado” dispoñendo cada curso “dunha aula” na que recibirá todas as materias.

Tamén ficará en obras o patio de infantil, que quedará delimitado por vallas, para a instalación dunha canalización do gas. Falta ademais rematar o pavillón e mailo parque cuberto, en estrutura, o que obrigará aos docentes a facer quendas á hora de saír ao recreo pola falta de espazo. As obras no exterior faranse fóra do horario lectivo.

A DIRECTIVA ASEGURA QUE “ESTAMOS PREPARADOS”

A directiva do centro valora “unha obra de moita envergadura e que merece moito a pena pois supón un salto de calidade” e asegura que “estamos preparados para o inicio”, sen que haxa “eivas importantes” nin no apartado académico nin tampouco no funcionamento do comedor.

A ANPA RECLAMA Á XUNTA “MAIOR TRANQUILIDADE”

Desde a Anpa afirman que “non temos por agora razóns para desconfiar” da información recibida nin sobre unha suposta falta de seguridade para as crianzas, aínda que sinalan que “o mércores veremos se o que hai é o que se nos di”.

A decisión de levar os nenos ou non ao colexio dependerá así de cada familia, aínda que a cada unha delas seralle máis ou menos doado tomar a decisión en función das súas posibilidades para quedar cos pequenos.

O colectivo de pais e nais lembra que non pode “acceder ás obras” e sostén que “non costaba nada” que a Consellería de Educación “dese unha maior tranquilidade” ás familias.

A CONSELLERÍA INSISTIU EN EMPEZAR O MÉRCORES

A Xunta insistiu en comezar o curso o vindeiro mércores no Ceip nº 1 de Foz, no Ceip de Cervo e no Ceip Virxe do Carme de Burela malia as dúbidas da comunidade educativa polas reformas que se están a acometer nos centros, con orzamentos cercanos ou superiores aos 900.000 euros en cada un deles.

Así, o Goberno galego negou que as actuacións -que comezaron en Burela a finais de xuño, pero en Foz e Cervo a mediados de xullo– fosen “alterar actividade educativa” ou supuxesen un perigo” para o alumnado.

EN CERVO, OS PAIS NON LEVARÁN AOS PEQUENOS

En Cervo, o inicio do curso está no aramio despois de que a Anpa cervense puxese en dúbida o estado do colexio, tamén rehabilitado, para o inicio do calendario escolar. O colectivo de pais e nais instou a cada familia a decidiren sobre a presenza dos seus pequenos no inicio do curso.

Pais e profesorado mantiveron ao longo da tarde do luns unha xuntanza para que as familias coñecesen a situación do centro. Por agora non trascendeu unha nova postura por parte da Anpa, aínda que o colectivo decidiu non comezar o curso, dado que, segundo puido saber o Xornal da Mariña, a 48 horas do vindeiro mércores quedan obras significativas por rematar no interior do recinto.

O Ceip de Cervo, en obras. AXM

O BNG ALERTA DUN “GRAVE RISCO” PARA AS CRIANZAS

Este luns, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Cervo cualificou de “grave risco” iniciar o curso nun edificio en obras, “como pretende a Consellería de Educación”. Así, sostivo, “os cervenses ímonos ver no dilema de ou ben deixar os nosos fillos nun edificio inseguro e perigoso ou non mandalos ao colexio, alternativa que provocaría a imposibilidade de conciliación na maioría dos casos”.

“É evidente que as obras non foron planificadas baixo criterios educativos” senón “dun uso partidista do investimento público“, afirma o voceiro da formación frontista, Diego Fernández.

O concelleiro nacionalista lembra que foi o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, quen “deu á Anpa a nova das obras” antes dunhas eleccións municipais, polo que urxe ao rexedor “a ofrecer unha solución satisfactoria a este despropósito”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...