Vaise unha flor da cultura pero queda a semente, a alma da Biblioteca de Mondoñedo; Alicia Tella-Villamarín. En 22 anos de bibliotecaria “petou a todas as portas con dozura e encanto -tal e como dicía don Enrique Cal Pardo– e moito tesón ata conseguir o milagre polivalente, fondamente admirado por tirios e troianos”.
Alicia, sen nacer en Mondoñedo, “sempre tivo un aire de princesa en vacacións” -asegura Marina Mayoral– e non precisou que pasaran os anos para que a bondade lle asomase á cara e a amabilidade fluíra co sorriso e coas palabras.
Pregoou nas Quendas de 2008 reivindicando a recuperación dos Maios, a declaración de Mondoñedo como Patrimonio da Humanidade, a creación dun Museo Histórico, foi nomeada Dona Isabel de Castro polo Mundo da Galea.
Foi Alicia unha ponte que se esforzaba en dinamizar e manter unidos aqueles camiños polos que fluía a cultura, sempre sorrinte, sempre amable. Por iso e por moitas outras fermosas cualidades, con motivo da súa xubilación no 2003, recibiu como agasallo o libro ‘Palabras de amigo‘ ás que hoxe nos unimos para dar resposta á pregunta da cantiga de Manuel María: quen levará a flor de Mondoñedo? Todos sabemos que a levas ti para o ceo por “ser amiga e rosa rescendente: merécela por boa, xentil e intelixente”. Non o dubides, Alicia, con nós estarás sempre!
Descansa en paz.
Francisco Piñeiro.
BIOGRAFÍA
Alicia Tella-Villamarín Ferreiro, natural de Pol, faleceu este luns na súa casa de Mondoñedo, aos 81 anos de idade. Chegou de nena a un Mondoñedo marcado por unha posguerra difícil. Aínda que se formou como mestra, nunca chegou a exercer a docencia, a pesar de que escribiu proxectos educativos que foron publicados, como ‘Musicólogos en Marcha‘. Traballou como bibliotecaria ata a súa xubilación no 2003. Casou co escultor valenciano Juan Puchades Quilis, con quen tivo dúas fillas, María Jesús e Alicia. Foi unha das persoas máis cercanas a Álvaro Cunqueiro, especialmente á súa irmá Carmiña, e coñecía a fondo o universo e a personalidade do escritor. Este mércores celebrarase o seu funeral na Igrexa de Santiago, desde as cinco da tarde.