O Concello de Ribadeo volveu sacar a subasta os dous inmobles da súa propiedade sitos na rúa Bispo Veres, números 2 e 4, segundo anunciou este mércores o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia. O goberno local tirou dun vídeo pendurado en YouTube na terceira tentativa para vender os edificios do casco histórico, en estado de ruína.
O prezo de saída do edificio número 2 será de 31.000 euros máis IVE e o do número 4 será de 47.000 euros. As persoas interesadas en facerse con algún deles teñen 45 días naturais para presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratos do Estado.
O rexedor explica que estes inmobles de titularidade municipal “foron inmatriculados a nome do Concello en xaneiro de 2017 ao non facerse cargo deles ningún dos supostos herdeiros“.
REBAIXADOS EN PREZO E SEPARADOS EN LOTES
O goberno local rebaixou o prezo e mesmo separou en lotes as casas contiguas para facilitar a súa venta, pero por agora non atopou comprador.
Suárez Barcia considera que “son dous edificios antigos, que están en pleno casco histórico do concello, dunhas dimensións xenerosas cada un deles e que están situados nunha zona cunhas vistas impresionantes do casco vello e tamén da ría de Ribadeo”, polo que cre que se trata “unha oportunidade moi boa”. O rexedor sinala que a intención do Concello é, co diñeiro resultante da poxa, “seguir facendo actuacións de interese público“.